Os universitarios con dificultades económicas "imprevistas" poderán optar a axudas da Xunta

As bolsas oscilarán entre os 1.500 e os 2.700 euros e poderán beneficiarse delas estudantes que sufriran ao longo deste curso unha situación de orfandade absoluta ou que foran vítimas de violencia de xénero, entre outras.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/01/2019 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do departamento de Educación, destina 110.000 euros en axudas para estudantes universitarios con dificultades económicas "sobrevidas e imprevistas" sucedidas ao longo do presente curso 2018/19.

Estudantes
Estudantes

O obxectivo das axudas, segundo explica a Consellería que dirixe Carmen Pomar, é facilitar que os alumnos poidan "continuar os seus estudos". Así, as bolsas oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros en función das rendas familiares dos beneficiarios, quen deberán estar matriculados no curso 2018/19 como mínimo en 50 créditos dalgunha titulación de grao en calquera universidade do Sistema Universtiario de Galicia ( SUG).

Os solicitantes non poderán recibir esta axuda con anterioridade e, ademais, a renda 'per  capita' da unidade familiar "non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de PGE para o ano 2019 multiplicada por 1,50".

CIRCUNSTANCIAS DOS BENEFICIARIOS

Segundo indica a Xunta, a convocatoria de axudas establece como "causas imprevistas" a situación de orfandade absoluta, desemprego, falecemento ou falta de pago acreditada por denuncia e sentenza de pensións alimenticias en casos de separación ou divorcio.

A orde de axudas tamén contempla as circunstancias de enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade absoluta para "todo traballo" dalgún dos membros "sustentadores" da unidade familiar, vítimas de violencia de xénero ou "actos terroristas", así como "outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar".

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde este martes 29 de xaneiro ata dentro dun mes para os casos nos que a "causa sobrevida e imprevista" se producira "con anterioridade á publicación da convocatoria".

No caso de que a situación se dera despois deste luns -día no que o DOG publica a orde de axudas-, os interesados poderán presentar as súas solicitudes nun prazo dun mes logo da situación "sobrevida". A data límite para a presentación de solicitudes é o 31 de xullo de 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta