Mohicanos vellos e novos en Wyoming

Nesta décimo sexta entrega de 'Viaxes sen Lee', os camiños da vida permiten ó explorador emocional Gabriel Rei-Doval comprende-los dilemas da derradeira das mohicanas en Wyoming.

Por Gabriel Rei-Doval | Buffalo (Wyoming, USA) | 29/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Saír do refuxio do oso rumbo oeste levoume ata Buffalo, ó pé do Bighorn National Forest do indómito Wyoming. Aloxado na Rodeway Inn, saín cara ó centro na salvaxe compaña de Dahon e acabei axiña seducido polos encantos de Main Street. Mentres a brisa estival acababa de masaxea-la miña pel mugardesa xurdiu de súpeto Clear Creek Middle School. Desde as bancadas do seu estadio, o público animaba con fervor maternal o adestramento futbolístico do colexio. O empuxe dos adolescentes e o orgullo das familias que os apoiaban trouxeron á miña memoria os anos das carreiras populares en que aínda soñaba con bater récords maratonianos estilo Charriots of Fire. A cara daquelas nais reflectía esa mesma ilusión, quizais por ve-los seus fillos conseguir trofeos que a vida pretérita lles negara a elas.

Main Street en Buffalo (Wyoming)
Main Street en Buffalo (Wyoming)

De volta en Main Street, deixei a Dahon descansando ó pé do Occidental Hotel mentres eu procuraba un lugar tranquilo para cear en horario temperán de Wyoming. A barra da Clear Creek Cantina pareceume un lugar acaído para degustar carbohidratos de inspiración chilanga baixo os efectos anestesiantes da empatía de Rebekah. Co local case baleiro, a barra era sen dúbida o mellor enclave para nutrir corpo e alma en amigable compaña.

O seu sorriso de semi-melena loura crecha convidaba á parola desinhibida alén da convencional procura de xenerosa propina. Como Patrick aínda non saíra da súa rolda xornalística no Buffalo Bulletin, e sen o atafego doutros días na cantina, ela prestouse a compartir privacidades co desapego que lle permitía a conversa anónima cun mugardés transeúnte.

Rebekah mudárase por imperativo cupidesco desde a veciña Nebraska, deixando atrás a profesión do traballo social que non renunciaba a recuperar na vida futura. De momento, as conversas da cantina e o coidado matutino de anciáns enchían os seus días ata que no serán arribaban, aínda frescas e saltando, as historias que Patrick traía do xornal con alegría portuaria. Seica a máis memorable fora a de Don Sammons, veterano da guerra do Vietnam e derradeiro habitante de Buford, que lle vendera a vila pantasma sureña de Wyoming a un emprendedor de Ho Chi Minh para o vietnamita iniciar un negocio cafeteiro.

Recorrendo ó costume tan estadounidense de inventar distopías anacrónicas, retruqueille a Rebekah que aquela historia me lembraba a do derradeiro dos mohicanos. Patrick e Sammons no fondo concordaban; a vida decide en por ela cando toca cambiar de rumbo, mesmo se iso implica renunciarmos a conviccións e identidade propias. Mais a Rebekah seica o idealismo a fixera devalar rumbo noroeste para compartir vida co seu home. Patrick desapegábase sen dificultade de afectos propios e alleos fitando o seu embigo profesional, mentres ela, por non estar soa, semellaba esquece-los proxectos vitais propios coa escusa de compartiren soños e vivencias cotiás na parella.

No estadio da Clear Creek Middle School
No estadio da Clear Creek Middle School

Tras mudarse a Buffalo, Rebekah renunciara, como Sammons fixera tras anos en Buford, a se-lo derradeiro dos mohicanos, mesmo se para iso debía servir tacos e coronitas na cantina de Buffalo. Se-la derradeira, sexa mohicana, celtíbera ou habitante de Buford, está á altura só das guerreiras da liberdade total, e o prezo da autenticidade non tódalas mortais queren pagalo.

Mentres saía do local preguntábame se os golpes da vida darían esfarelado as ilusións de Rebekah e algún día recuperaría a súa voz e autenticidade latentes. Mentres Patrick só mostraba avidez por triunfar no Buffalo Bulletin do Wyoming grande e profundo, a morriña dela pola familia de Nebraska competía no seu maxín co devezo por ve-lo mar desde unha gran urbe da costa oeste. De momento, mantiña a entrega ilusionada; mentres a ilusión dura, o mundo está ben feito. Mais o desnamoramento pode ser beberaxe tan tsunámica coma a ayahuasca peruana. 

Oxalá que os camiños da vida lle permitan a Rebekah crer en mohicanos vellos e novos de Wyoming, resiliente á decepción, o egoísmo e a áspera falta de calidez humana. Porque os rigores estacionais do inverno chegan sempre ás ermas chairas de Wyoming tanto coma ás da resistente meseta de Numancia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA