Os efectos de 'Helena': ventos de case 150 qm/h, catrocentos raios e uso de cadeas en Pedrafita

Por provincias, a da Coruña foi a máis afectada con 30 incidentes rexistrados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2019 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

O temporal asociado á borrasca 'Helena' provocou en Galicia entre a noite do xoves e as primeiras horas da mañá deste venres incidencias como a caída de árbores e outros obxectos sobre a rede viaria, así como desprendementos de pedras e terra e inundacións.

Temporal en Vigo
Temporal en Vigo

Tamén o vento deixou refachos de intensidade máxima de 141,5 quilómetros por hora na madrugada deste venres no municipio coruñés de Carnota. Ademais, houbo refachos de 127,4 quilómetros por hora en Cedeira ás 4,00 horas e de 123,5 km/h na localidade coruñesa de Malpica ás 4,20 horas, mentres que en Ribeira alcanzou o 116,1 km/h ás 3,10 horas.

Segundo informou o 112 Galicia, o paso de sucesivos episodios adversos que desde este xoves afectan á Comunidade galega deixou 72 incidentes rexistradas no servizo de emerxencias no período comprendido entre as 18,00 horas deste xoves e as 7,00 horas deste venres.

Os incidentes que máis se repetiron foron os relacionados coa caída de árbores e gallas nas estradas (34), obxectos na vía (13), terra e pedras nas estradas (7), inundacións (5) e sete incidentes relacionados coa prevención de risco.

Por provincias, a da Coruña foi a máis afectada con 30 incidentes rexistrados; a de Pontevedra, con 20; Lugo, con 15 incidentes; e a provincia de Ourense, con sete incidentes. En canto aos concellos, o 112 destacou na provincia da Coruña, o de Ferrol con dous incidentes e con outras dúas o municipio de Rianxo.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra contabilizáronse tres incidentes no concello de Poio, outros tres no de Pontevedra e o 112 rexistrou dous en Vigo. Na provincia de Lugo, o concello de Folgoso do Courel contabilizou dous incidentes e, entre outros, na provincia de Ourense, os concellos de Lobeira, Nogueira de Ramuín e A Gudiña tiveron una cada un deles.

NEVE

En canto á neve, o 112 apuntou unha única intervención rexistrada durante a madrugada no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE).

Así, a Garda Civil solicitou ao 112 a colaboración dos efectivos de Protección Civil da Gudiña (Ourense) para a retirada dun camión atrancado por mor da neve despois de saírse da vía. Polo demais, o 112 Galicia asegurou que non constan incidentes de consideración ata as 7,00 horas deste venres.

CASE CATROCENTOS RAIOS

O temporal asociado á borrasca 'Helena' deixou, ademais de choiva, vento intenso e forte ondada, 391 raios entre a medianoite e as 10,00 horas deste venres. Segundo os datos publicados por Meteogalicia as treboadas concentráronse na provincia da Coruña, especialmente na zona norte, na costa de Muxía e Camariñas e tamén entre Vimianzo e Zas.

Máis cara ao sur, a Ría de Muros e Noia rexistrou un número elevado de raios, así como os arredores de Negreira e ao sur do concello de Ames. Na provincia de Pontevedra, fundamentalmente no eixo central, o mapa de raios evidencia concentración deste fenómeno, en zonas como Covelo e na fronteira con Portugal. En canto á desagregación horaria, de acordo cos rexistros da axencia de meteoroloxía, a maior parte dos raios caeron entre a medianoite e as 6,00 horas deste venres.

USO DE CADEAS

A neve debida ao temporal asociado á borrasca 'Helena' obriga a usar cadeas en estradas do municipio de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e interrompeu o tráfico na autovía A-6 ao seu paso por este concello da montaña luguesa. Segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), por mor das nevadas a circulación é difícil na estrada LU-633 desde o quilómetro 0 en Pedrafita, ao 18 en Fonfría, en ambos os sentidos da circulación.

Neste punto concreto, a DXT advirte de que está prohibido o tránsito a camións e vehículos articulados, así como a autobuses e é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno para o resto. Mentres, a circulación quedou interrompida no quilómetro 438 da A-6 en Pedrafita do Cebreiro debido á meteoroloxía adversa, así como no quilómetro 461 da mesma autovía en Baralla (Lugo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta