Navantia exhibe o innovador sistema para prescindir de boa parte do cableado nas fragatas F-110

Trátase do proxecto 'Sistema de Servizos Integrado' (SSI), coñecido popularmente como "buque sen cables".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2019 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A directora xeral da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, acompañada do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e do director da Unidade Mixta de Investigación (UMI) UDC-Navantia, Carlos Merino, ademais de integrantes do equipo de investigación, visitou este venres o demostrador do proxecto 'Sistema de Servizos Integrado' (SSI), coñecido popularmente como "buque sen cables" desenvolvido para as futuras fragatas F110, e que conta coa colaboración destacada da UVigo.

Participanets na demostración de Navantia Ferrol.
Participanets na demostración de Navantia Ferrol. | Fonte: Europa Press

Navantia asegura que "este proxecto é unha iniciativa de innovación que naceu en 2016 co obxectivo de reducir significativamente o volume de cables nun buque", á vez que dar soporte á incorporación das tecnoloxías 4.0, e coa intención de ser "incorporada no programa de fragatas F-110, sempre que os resultados tecnolóxicos e temporais o permitan".

Inicialmente, constou de dúas actuacións diferenciadas, asociadas ás áreas de maior volume de cableado: a distribución eléctrica, por unha banda e a de iluminación, comunicacións e sensorización, polo outro.

Despois dos estudos realizados durante o período inicial, durante dous anos, entre 2016 e 2018, decidiuse pór a énfase na integración da iluminación, megafonía, servizos de acceso inalámbricos seguros e sensorización diversa nun único sistema, denominado "Sistema de Servizos Integrado" (SSI).

NOVA FASE

De acordo coa metodoloxía de deseño que se utiliza nos programas importantes de Defensa, o proxecto pasou en 2018 a Revisión de Deseño dos Requisitos (SRR), a Revisión Preliminar do Deseño (PDR) e a Revisión Crítica do Deseño (CDR).

Para iso, no plano material e para facilitar o desenvolvemento do mesmo, "creouse unha contorna virtual que permite simular o comportamento do sistema, xunto co despregamento dunha contorna física que replica unha porción do buque e sobre o que se desenvolven as probas de integración e dos módulos de software", sinalou a compañía.

Ao longo do período correspondente á "consolidación" da UMI 'Estaleiro do Futuro' (2018-2021), está prevista a industrialización do sistema, co obxectivo de ser un dos sistemas máis innovadores abordo da nova fragata F-110 da Armada Española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta