Localizado en Almería o home que presuntamente estafou un veciño de Sanxenxo a través de Internet

O denunciante ingresara 2.425 euros nunha conta como pagamento por un motor fóra de borda, artigo que nunca chegou a recibir. O acusado está relacionado con outros delitos semellantes en todo o territorio nacional, cun valor total de 25.000 euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A Garda Civil investiga penalmente un veciño da localidade de Adra, na provincia de Almería, como presunto autor dun delito de estafa a un veciño de Sanxenxo (Pontevedra). Relaciónase coa venda a través de Internet dun motor fóra de borda.

As pescudas para a localización desta persoa iniciounas o Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo o pasado mes de decembro, por mor da denuncia formulada por un veciño desta localidade. O home comprara un motor fóra de borda a través de Internet e contou que, a pesar de abonar o importe total (2.425 euros), non recibira o artigo adquirido, segundo informou o Instituto Armado.

"O modus operandi desta persoa baseábase fundamentalmente en gañar a confianza dos clientes que captaba a través das páxinas web de anuncios e nas redes sociais", abundou a Benemérita. Para iso facilitáballes dous teléfonos de contacto con cartóns prepagamento a nome de cidadáns estranxeiros, de xeito que podía "ocultar a súa verdadeira identidade", tal como indica o Instituto Armado.

Unha detención da Garda Civil. GARDA CIVIL
Unha detención da Garda Civil. GARDA CIVIL

Unha vez concertada a compra do artigo, "reforzaba a estratexia do engano con facturas falsificadas co logotipo e a razón social doutras empresas", engade. O comprador ingresaba o importe nunha conta bancaria, de onde era inmediatamente retirado para a apertura doutras novas.

NUMEROSAS ESTAFAS

Grazas ás investigacións realizadas polo equipo de investigación do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo, no marco da denominada 'Operación Mercury', púidose descubrir a identidade do presunto autor, que xa figuraba cun amplo historial delituoso. Está relacionado cun importante número de estafas das mesmas características, cometidas en varias provincias de Galicia e no resto do territorio nacional, por un montante que supera os 25.000 euros.

A investigación concluíu coa identificación do presunto autor, G.M.M.P., de 35 anos de idade, que foi localizado, en primeiro lugar, en Granada e, finalmente, na localidade de Adra, na provincia de Almería. Alí foi detido por efectivos da Garda Civil da mesma localidade almeriense en base a varias reclamacións xudiciais que tiña pendentes, á vez que se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor da estafa a este veciño de Sanxenxo.

Os feitos investigados foron postos en coñecemento do xulgado de Instrución de garda de Cambados (Pontevedra) e Adra (Almería), ante os que deberá responder cando sexa citado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta