Misterios de Wyoming

Esta décimo oitava entrega de 'Viaxes sen Lee' rumbo oeste desvela claves relevantes para entende-la peculiar mente de Rob.

Por Gabriel Rei-Doval | Cody (Wyoming, USA) | 17/02/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Pola mañá cedo saín rumbo a Cody, aínda procesando a estupefacción da noite anterior en Buffalo. Que estraños designios levaran Chuck á barra do Century Club á mesma hora ca min? Sen acabar de entender, non deixaba de preguntarme como aquel hippy mestre de francés compartira comigo detalles privados, case íntimos, da psique do seu amigo Rob. Un meditador dinámico coma Chuck debería saber descansa-la pesada mochila de escoitar –sen laretar– segredos compartidos. Poida que ás veces as ilusións frustradas nos afasten de amigos antigos, en particular cando espertan en nós con forza as escondidas pantasmas do medo. Se cadra os últimos regatos psicópatas de Rob rebordaran o río de mutua confianza labrada durante anos e as outrora taciturnas fervenzas do seu comportamento comezaran a virar en cataratas incontrolables.

Na Old Trail Town de Cody
Na Old Trail Town de Cody

A miña paixón polas linguas abrira a noite anterior as portas da conversa con Chuck, sobre todo cando ás empatías do intelecto e a profesión se sumara o interese compartido pola exploración espiritual, malia ás obvias diferencias de estilo. A todo iso engadíase, claro, a incrible casualidade de os dous coñecérmo-lo mesmo personaxe. Tantas concomitancias azarosas abriran a caixa dos tronos, favorecendo unha confesión sobre o seu amigo que, no anonimato de Wyoming, Chuck para nada sentiu como traizón ó seu colega de Seattle.

A miña esculca rumbo oeste seguía a avanzar, agora afastado dos enclaves explorados por Lewis e Clark durante o gold rush.  A min nunca me chistara dominar ouro nin loura, mais o longo relato de Chuck da noite anterior parecía apuntar en sentido contrario. A distancia e contención de Rob servíralle durante anos para oculta-lo seu desexo de dominación e conquista baixo o silencio con que agachaba a frustración de non logra-lo buscado. A satisfacción dunha vida en común con Jodie mantivera tres lustros oculta a súa profunda ferida sen reborda-la vida cotiá, mostrando só o seu distante charming, en particular co outro sexo.

As tonalidades branquecinas e amarelo-grisáceas de Ten Sleep Canyon animaban o meu desexo de chegar ás portas do Parque Nacional Yellowstone. Toponimizando a viaxe coma cowboy á conquista do oeste, eu tamén me vía a dez xornadas da costa do Pacífico; toda unha oportunidade de conectar coa paz de Wyoming mentres nas emisoras locais soaban os mellores clásicos country.

A chegada á Old Trail Town de Cody trouxo á miña memoria esoutros traumas máis colectivos da comunidade nativo-americana, á que os camaradas de Buffalo Bill arrebataran as terras. Persoeiro senlleiro en Old Trail Cody fora Johnson comefígados, a quen, coma a Rob, as profundas feridas conseguiran louquear dous séculos antes. Conta a lenda que foi o asasinato da súa dona flathead a mans dos Apsáalooke o que desatou a súa cólera. En vinganza, seica Johnson matou, arrincou a cabeleira e comeu os fígados de trescentos indios Crow. Os diarios de Lee (camarada de Kaiser, non o Unicornio) relatan como cuarto século despois Johnson fixo as paces cos Crow, que o utilizaron como aliado contra os Sioux e os Pés Negros. O que non aclarou Lee é se Johnson tamén sufrira maltrato físico na infancia, e se iso contribuíra á súa conduta bipolar entre a carraxe e a compaixón. 

Dahon agardando paciente en Cody
Dahon agardando paciente en Cody

Nos tempos de Johnson comefígados un podía redimirse explorando e conquistando territorios; hoxe quizais Rob tente face-lo mesmo ensinando sociais en secundaria, todo con tal de ocultar na profundidade da mente os traumas infantís. Pregúntome polos designios futuros da súa furia montecristo. A conexión con Chuck e os camiños da vida rumbo oeste se cadra axuden a esclarece-lo que, de momento, segue sendo misterio ben custodiado nos outeiros de Wyoming.

Auris contemplando os outeiros de Ten Sleep
Auris contemplando os outeiros de Ten Sleep
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA