A candidata do BNG en Santiago cre que o Bloque "está en fase ascendente" e pode "ser a sorpresa"

Goretti Sanmartín recupera a iniciativa 'Cafés co BNG' para manter "contacto directo" cos composteláns de cara ás municipais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, marcouse como obxectivo facerse co voto indeciso de face ás próximas eleccións municipais do 26 de maio, cuxa campaña centrará nos problemas da cidade e na que tentará "fuxir das frivolidades".

A aspirante do BNG á Alcaldía da capital galega ofreceu este luns un almorzo informativo á prensa, no que explicou que, de cara a esta cita coas urnas, recuperará a iniciativa 'Cafés co BNG' para manter "contacto directo" cos composteláns e coñecer as súas reivindicacións.

Acompañada por varios integrantes da súa candidatura, Goretti Sanmartín debullou algúns dos eixos nos que centrará o seu traballo ata o 26 de maio, convencida de que a campaña "debe facerse con calma" e que responde o traballo feito no últimos catro anos.

"Con esta idea queremos transmitir que hai que planificar o concello e a cidade a dez anos vista", manifestou a dirixente nacionalista, que detallou que o primeiro destes encontros será con comerciantes da zona de San Pedro e Vos Concheiros.

E é que, segundo indicou, o "pequeno comercio é un dos elementos dinamizadores" da cidade e "garante a proximidade na relación coas persoas fronte ás grandes áreas comerciais". "Sabemos, ademais, que o comercio en Santiago ten moitísima necesidade de apoio", indicou. A esta cita, conforme sinalou, seguirán outros encontros diarios con distintos sectores da cidade, con personalidades da cultura, así como encontros por barrios.

BNG EN "FASE ASCENDIENTE"

Preguntada polos resultados que o BNG aspira a obter nos próximos comicios locais, a aspirante nacionalista destacou que o Bloque, que actualmente ten dous edís en Santiago, está en "fase ascendente", de "recuperación".

"Levamos xa moito tempo con reunións e trasládannos que hai unha corrente de simpatía cara ao BNG moi importante e mesmo podemos ser a sorpresa nestas eleccións municipais", sinalou Goretti Sanmartín, que se mostrou convencida de que a súa formación será "determinante" nun escenario no que "non haberá maiorías".

Na súa intervención, a candidata rexeitou entrar a valorar posibles pactos posteriores ás eleccións e destacou que a súa formación se presenta para "gobernar, coa intención de liderar un goberno que poida transformar a cidade".

"FUXIR DE FRIVOLIDADES"

Na súa comparecencia ante os medios e preguntada polo ton no que se celebrará a campaña, a nacionalista asegurou que tentará "fuxir de frivolidades" para centrarse nos "grandes proxectos que necesita a cidade.

"Ás veces en campañas agresivas ocúltanse eses temas que son os importantes", sinalou Sanmartín, que considerou que os "ataques persoais" supoñen "entrar nunha guerra que pouco favorece ao conxunto da cidadanía".

Por iso, avogou por centrarse en cuestións como o feito de que "os barrios non mellorasen" nos últimos anos, a situación da recollida do lixo ou as dificultades dos cidadáns para alugar pisos en boas condicións, entre outras cuestións.

CONTRATOS MENORES

Neste punto, preguntada pola solicitude do Partido Popular de pór en marcha unha comisión para analizar os contratos efectuados polo goberno de Compostela Aberta, avogou por esperar a ver en que se materializa a proposta do PP aínda que recoñece que esta non é unha cuestión na que os grupos se deberían enredar a tres meses das eleccións.

"Se hai algo que pode alarmar, o que debe facer é PP é ir á Fiscalía", defendeu a candidata do BNG, que explicou que o BNG considera que hai un "abuso" dun "procedemento que é legal", como son os "contratos menores". Por iso, pediu "transparencia".

ELECCIÓNS XERAIS

Ademais, cuestionada sobre se a campaña das eleccións xerais restará importancia á cita local, Goretti Sanmartín asegurou que todos os comicios supoñen unha "oportunidade", neste caso para que Galicia volva recuperar " voz propia" no Congreso.

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, ofrece un deas
A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, ofrece un deas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta