Por Galicia Confidencial | Narón | 25/02/2019 | Actualizada ás 17:54
O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón (PP), presentou este luns no rexistro do Concello a súa renuncia para continuar como rexedor tras doce anos no cargo e despois de ser elixido candidato popular á Alcaldía de Narón. A medida será efectiva o vindeiro mércores, 27 de febreiro, durante a celebración do pleno de fin de mes no que se dará conta da devandita renuncia.
Deste xeito, Castrillón abandona a Alcaldía para competir pola de Narón, municipio no que reside, tendo en conta que o seu vínculo con Cabanas é laboral. Alí rexenta un negocio do sector do automóbil.
No seu escrito de renuncia, Castrillón agradeceu "aos veciños de Cabanas o ser merecedor da súa confianza e agarimo durante estes últimos doce anos", agradecemento que fixo extensivo tanto aos traballadores municipais como aos seus compañeiros de partido e resto de concelleiros cos que coincidiu nos distintos mandatos.
Ademais, tivo unha referencia especial para a Agrupación de Electores de Cabanas polo seu apoio, formación coa que gobernou en coalición durante dúas lexislaturas.
Germán Castrillón tamén avanzou a súa intención de continuar "un tempo como concelleiro, sen retribución, para facilitar así a transición necesaria, momento tras o cal deixarei o Concello", dixo.
Segundo fontes consultadas, até as eleccións o rexedor será o actual primeiro tenente alcalde e concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Manuel González López, mentres que a candidata do Partido Popular á Alcaldía de Cabanas nas próximas eleccións de maio será Elena María Arias Martínez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.