A Xunta quere minimizar a crise na sanidade anunciando novas prazas públicas para a Atención Primaria

O Sergas lanzará en 2019 unha OPE de 1.323 prazas, con 254 para medicina de familia e 93 para pediatría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O Goberno galego quere mitigar a grave crise que hai na sanidade pública, especialmente, na Atención Primaria cun novo anuncio de oposicións. Por iso, este xoves aprobou  a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para 2019 que consistirán nun total de 1.323 prazas.

Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.
Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.

Estas prazas inclúen 254 para médico de familia e 93 para pediatría. Esta sumarase ás xa anunciadas para educación e en función pública, polo que o total de prazas convocadas pola Administración autonómica para este ano será de 5.833.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na comparecencia posterior á reunión co seu Executivo, explicou que con estas cifras cubrirase un 108% das prazas vacantes. Neste contexto, subliñou que o 8% a maiores --213 prazas-- da taxa de reposición destinarase ao Sergas e que "dous de cada tres" médicos que saian desta OPE serán de Atención Primaria.

Deste xeito, Feijóo destacou que a oferta de 2019 suporá unha "marca" desde 2008. "Estamos nos mellores momentos para que calquera persoa que queira traballar na Xunta poida preparar o seu currículo para optar a un posto na Administración autonómica", asegurou.

A estas sumaranse a oferta correspondente ao ano 2018, polo que, finalmente, serán un total de 245 prazas de medicina de familia e 93 de pediatría as que se sairán a concurso de maneira conxunta "este verán", segundo concretou Feijóo.

Ademais destas, haberá 567 prazas para diplomados sanitarios e de Formación Profesional e outras 415 para persoal de xestión e servizos das áreas de administración, traballo social, mantemento e hostalaría. Do total de 1.323 postos, 93 reservaranse para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% --27 para discapacidade intelectual--. O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

"DOUS DE CADA TRES" PRAZAS IRÁN A ATENCIÓN PRIMARIA

Tal e como destacou o presidente da Xunta, con esta nova oferta serán case 9.000 os profesionais incorporados ás institucións sanitarias galegas desde 2009. Así mesmo, subliñou que "dous de cada tres" prazas de médico que saian na convocatoria deste ano irán parar a Atención Primaria.

Feijóo tamén lembrou a oferta en educación pública, publicada a semana pasada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que inclúe 2.064 postos en 36 especialidades --1.788 de libre acceso--, e a da Administración autonómica que parte dun acordo asinado en xaneiro con CC.OO. e UXT, segundo o cal se ofertarán 2.446 prazas --1.388 de libre acceso-- coa previsión de "reforzar" as áreas de servizos sociais.

"Entre o ano 2015 e o 2019 as ofertas públicas de emprego da Xunta de Galicia están preto das 19.000 prazas, ese é o compromiso que tiñamos cos empregados públicos, que en canto puidésemos incrementar as posibilidades de sacar ofertas públicas fariámolo", declarou o titular do Goberno galego.

Deste xeito, Feijóo destacou que a OPE de 2019 suporá unha "marca" desde 2008. "Estamos nos mellores momentos para que calquera persoa que queira traballar na Xunta poida preparar o seu currículo para optar a un posto na Administración autonómica", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta