Convocada unha das maiores ofertas para policías locais de Galicia

Este ano convocaranse 455 prazas. Xa hai 65 concellos con interese en incorporar algún axente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou a modificación do decreto que regula os procesos unitarios para acceder aos corpos de policía local, de tal forma que se axilizarán os prazos para que os concellos que están adheridos poidan cubrir no menor tempo posible as súas prazas vacantes, nunha convocatoria na que este ano se ofertarán un total de 455 prazas.

Así o explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao termo do Consello no que se aprobou unha modificación que supón que se reduza en 10 días o prazo de presentación das solicitudes para prazas de persoal auxiliar.

Ademais, os concellos poderán utilizar o procedemento de urxencia por razóns de interese público, o que permitirá reducir á metade os prazos ordinarios e tamén se reducirá o tempo entre probas, xa que a avaliación do galego poderase realizar no mesmo día que a de coñecementos. A modificación aprobada habilita tamén a posibilidade de ampliar os prazos establecidos para que os concellos comuniquen as prazas que serán obxecto dos procesos selectivos.

Segundo explicou Alberto Núñez Feijóo, este ano "xa son 65 os concellos" que recorreron á Xunta, a metade dos que contan con policía local. As cidades que pediron a delegación da selección son A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Santiago, aínda que a urbe lucense vaina a formalizar no mes de marzo. Fronte ás 109 prazas de auxiliar do pasado ano e 38 de policía, nesta ocasión serán "455" en total, das que 178 serán de policías e 277 de auxiliares.

Ante estas cifras, Feijóo destacou que se trata dunha "solicitude histórica" dos concellos para centralizar as novas ofertas de emprego, nun sistema que "produce aforro" e "garante procesos transparentes e iguais".

Desta forma, tamén se responde ao "déficit importante en efectivos da policía local", derivado de "restricións de todas a administración públicas nos anos da crise e a decisión de adiantar aos 60 anos as xubilacións". En todo caso, este ano aínda está aberto o proceso de solicitude para os concellos qe pediron unha prórroga e que poden comunicar as prazas ata este mesmo xoves 28 de febreiro.

COLABORACIÓN COS CONCELLOS

A Xunta, dentro das súas competencias, está a prestar a "máxima colaboración para poder axudar aos concellos a facer fronte á eventual falta de persoal que se pode producir nos corpos de policía local debido ao novo decreto que posibilita as xubilacións anticipadas", resalta o goberno galego nun comunicado.

A modificación da normativa fora proposta pola propia Federación de Municipios e Provincias e aprobada polo Goberno central, pero sen preparar as medidas preventivas para ela.

O pasado ano implantouse por primeira vez a posibilidade de unificar o proceso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Así, os concellos que o desen poden delegar na Xunta de Galicia a realización dos procesos selectivos para estes postos, co importante aforro económico e de xestión administrativa que isto supón.

Ao mesmo tempo favorécese "a calidade do proceso selectivo, asegúrase a cobertura de prazas e alcánzase unha policía local cada vez máis especializada".

A Policía Local acode a un accidente
A Policía Local acode a un accidente | Fonte: PL Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta