Por Galicia Confidencial | | 04/03/2019 | Actualizada ás 13:47
A activista LGTBI Ada Otero formará parte da candidatura que presentará o PSdeG-PSOE ás próximas eleccións municipais en Pontevedra, converténdose na primeira persoa transexual en integrar unha lista electoral.
Ada Otero, pontevedresa de 29 anos, é licenciada en Dereito e está especializada en asuntos relacionados coa violencia de xénero e, ademais, é unha muller "absolutamente comprometida" coa loita polos dereitos e a non discriminación do colectivo LGTBI, segundo destaca o partido.
O candidato socialista á Alcaldía, Tino Fernández, asegurou que Otero irá nos "postos de saída" da súa lista electoral, que deberá ser referendada pola agrupación municipal nos próximos días.
A súa decisión de dar este paso adiante vén motivada, segundo a propia activista, polo seu "desexo" de que a sociedade "tome conciencia por fin" sobre a situación do colectivo LGTBI e de que se produzan "cambios reais" a nivel xurídico e administrativo.
LONGO ACTIVISMO LGTBI
Nos últimos anos, ademais de impartir conferencias e formar grupos de apoio a persoas transexuais e as súas familias, Ada Otero impulsou unha plataforma dixital denominada "Xénero diverso", desde a que busca facer visibles as demandas e problemas destas persoas e servir como punto de información.
É tamén una das portavoces da asociación Avante, unha organización galega e feminista conformada por persoas LGTBI que, segundo Otero, "loitan contra o patriarcado e o heteronormativismo". Tino Fernández destacou que esta muller representa "todos os valores" que defende o PSOE, ao encarnar "feminismo, mocidade e loita pola igualdade social".
CARLA ANTONELLI
Otero segue os pasos de Carla Antonelli, a actriz defensora dos dereitos do colectivo LGTBI, que tamén foi nas listas do PSOE á comunidade de Madrid e foi a primeira transexual que ocupou un escano na Asemblea de Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.