A responsable Igualdade da Xunta critica a participación das ministras do PSOE na manifestación do 8M

Considera que "insultaron" a mulleres doutros partidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, censurou que a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, da que dependen as políticas de igualdade, participase nas protestas do 8-M en Madrid, xunto con outras ministras, "insultando" a mulleres doutros partidos.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. EUROPA PRESS - Arquivo
Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Unha vicepresidenta do Goberno que leva igualdade e a loita contra a violencia de xénero, que se poña a dar saltos con ministras e ministros, e dando carnés de boas ou malas feministas é sorprendente", censurou no transcurso da Comisión Institucional no Parlamento de Galicia, na que interveu en resposta á pregunta da deputada do PSOE, Patricia Vilán sobre a efectividade dos dispositivos de control telemático e do teléfono 016.

A representante socialista pedíralle que puxese "a voz discordante" ante as afirmacións do presidente do PP sobre o aborto e reclamoulle ser "voz discordante" tamén con Casado en canto aos malos tratos, para que "non se volva dicir que os maltratadores son señores que se portan mal coas mulleres, senón que son machistas" que entenden que as mulleres "son da súa propiedade e a súa posesión".

Fronte a estas afirmacións, Susana López Abella apelou á "unidade", porque "o PP e o PSOE" teñen "vocación de gobernar" e estiveron "a gobernar alternativamente" e "levando adiante políticas pola igualdade e contra a violencia de xénero".

E instou, a continuación, a que "volvan ao sentido común para potenciar xuntos o traballo conxunto das administracións públicas, para dar unha mensaxe de unidade contra a violencia de xénero".

Nesta liña, reclamou "cordura", censurando que se vaia a "manifestacións, que están moi ben, pero non a berrar contra as mulleres do PP ou a ver quen traballa máis ou menos en igualdade".

"O PSOE e o PP gobernaron alternativamente e chegaron a consensos", sinalou, pondo como exemplo o Parlamento de Galicia, nunha "senda na que hai que seguir, de "traballar xuntos ante unha secuela que nos afecta a todos".

"Que mensaxe estamos a mandar cando unhas ministras con responsabilidade de Goberno insultan a mulleres doutra formación política?", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta