O PP cre que Vox "non vai ter representación" en Galicia e pide que non se presente para non restar votos

O número dous dos populares galegos insta a Vox a "analizar en que provincias é practicamente imposible" que obteña un escano

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2019 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cre que Vox "non vai obter representación" en ningunha das catro provincias galegas, polo que apoiou a proposta lanzada esta semana polo presidente do PP nacional, Pablo Casado, de que o partido de Santiago Abascal non se presente ás eleccións do 28 de abril nas circunscricións pequenas porque "beneficiaría" a un posible Goberno do PSOE.

Nunha rolda de prensa deste venres, o número dous dos populares de Galicia alertou de que o sistema electoral español provocará que, nesas provincias que reparten poucos escanos, o voto a Vox "pode non valer para nada".

E é que, segundo os seus números, "ao redor de 20 ou 30 escanos" que este partido "non recibiría" obteríaos o PSOE. Por iso, explicou que a proposta de Casado "é instar a Vox a analizar en que provincias é practicamente imposible que obteñan representación" para non presentarse nelas.

Así, aínda que Tellado apuntou que "a xente pode votar o que queira", tamén apelou ao voto "útil" e dixo estar "seguro" de que "moitos votantes potenciais" do partido de Abascal "en ningún caso queren que goberne Pedro Sánchez".

O PP, O PARTIDO "QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA"

Por outra banda, o secretario xeral do PPdeG aproveitou para lamentar que "non todos os partidos" galegos dedicaron o tempo que quedaba ata este venres, día no que finaliza o prazo para presentar as coalicións para as xerais, para "fortalecerse nin ensanchar" a súa base social nin "traballar para solucionar os problemas dos galegos".

Neste contexto, contrapuxo ao Partido Popular, a formación "que máis se parece a Galicia", cunha esquerda que se presenta con En Marea "dividida", un PSdeG-PSOE que apoia "os agravios" de Pedro Sánchez coa Comunidade galega e a un BNG que "pide o voto" para Esquerra Republicana de Catalunya e EH Bildu --cos que irá en coalición aos comicios europeos do 26 de maio--.

O PPdeG limita a 'anécdota' por 'ambición persoal' a marcha de concelleiras do. PARTIDO POPULAR DE GALICIA
O PPdeG limita a 'anécdota' por 'ambición persoal' a marcha de concelleiras do. PARTIDO POPULAR DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta