Denuncian ante a Valedora do Pobo a ampliación do período de caza de xabarís

Asociacións animalistas alertan sobre a progresiva "desregulación" da actividade cinexética na nosa comunidade

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber avanzaron este sábado que trasladarán a próxima semana unha queixa ante a Valedora do Pobo en protesta polas últimas decisións anunciadas polo Comité Galego de Caza de ampliar a tempada de caza de xabarís case un mes con respecto á tempada anterior.

Neste sentido, Libera sinalou nun comunicado que estas decisións "traspasan as competencias deste órgano consultivo" e estarían baseadas en aspectos "paracientíficos".

Así, os animalistas tamén alertaron sobre o "perigo" doutra das medidas propostas, a revisión da Lei de Caza para modificar a utilidade dos vedados, espazos onde non se pode disparar actualmente. Iso súmase, critican, "ao anunciado decreto para permitir que os propios cazadores vendan a carne" dos animais capturados, criticaron ambas organizacións.

"DESREGULACIÓN"

Desta maneira, a Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera advertiron á Alta Comisionada do Parlamento de Galicia sobre a progresiva "desregulación" das prácticas cinexéticas na Comunidade, e lembraron que a súa institución pediu hai case seis anos a modificación dalgúns apartados da Lei de Caza.

"Unha recomendación á que fixo caso omiso Medio Ambiente. Aínda se pode cazar en camiños sen sinalizar ou sen asfaltar, co consecuente perigo para a cidadanía", lamentaron os animalistas.

Por último, os defensores dos animais ironizaron con que se a actual composición do Comité Galego de Caza, "copado polos cazadores dunha determinada federación e polo propio Goberno galego", cumpre coas directrices sobre igualdade de Oportunidades e representación paritaria, "un apartado que tamén foi criticado polo PSdeG no seu momento".

Cazador nun camiño público. ANGEL SANCHEZ C. - Arquivo
Cazador nun camiño público. ANGEL SANCHEZ C. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta