Rodeo espiritual por Montana

Nesta vixésimo segunda entrega de Viaxes sen Lee, Gabriel Rei-Doval explora rodeos e bypass espirituais entre Wyoming e Montana.

Por Gabriel Rei-Doval | Bozeman (Montana, USA) | 24/03/2019 | Actualizada ás 10:43

Comparte esta noticia

A saída de Yellowstone trouxo á miña mente a imaxe do rodeo, esa importación sureña tan asentada na cultura estadounidense. Quizais porque a realidade é multicéfala e resiliente á simplificación binaria. Por iso damos un rodeo cando queremos evitar algo difícil ou problemático. E por iso os bypass poden ser médicos, automobilísticos, e tamén emocionais. As formas de evitármo-la realidade, aquilo que nos resulta difícil, son innumerables, ata facendo uso de sofisticadas engrenaxes espirituais, terapias alternativas e, por suposto, do intelecto. E Makiko revelárase como unha consumada experta en tan diversas artes escapistas.

Dahon observando mentes e montañas en Bozeman
Dahon observando mentes e montañas en Bozeman

Eu seguía a conducir cara á saída norte do Parque Yellowstone a través dun bypass, neste caso só automobilístico, no meu periplo rumbo oeste. Resolvera evita-lo occidente de Montana e dirixirme rumbo norte ata Bozeman. Tal rodeo xeográfico permitíame evita-la estafa turística de West Yellowstone, onde a acomodada clase media norteamericana facía noite na ruta rumbo oeste.

No seu lugar, optara por explora-las posibilidades de Airbnb en formato rañas, e así, conducindo tres horas desde Steamboat Geyser, acabei no lusco-fusco onda un casal periférico de Bozeman ó final dunha corredoira de terra e grava zarrapicada de fochancas. Miss Gipiés fíxome chegar sen perda onda Janet, que esperaba coa pata magoada sobre un elegante repousapés vitoriano.

Non sen dificultade, abriu a porta da entrada posterior e indicoume con desdén o segundo piso enmoquetado onde debía pousa-lo enxoval itinerante. Mais cando baixei, coa equipaxe intrépida acomodada, sorprendeume o seu convite a sentar na outra butaca do recibidor escusando a súa inacción doente.

O seu estilo conversacional foi por un tempo inquisitivo ata que, de alí a un pouco, xurdiron indicios de que, en ausencia do home, confiaba na empatía do hóspede mugardés. John, pastor presbiteriano sesentón e mánager habitual en rodeos de Montana, ausentárase a White Sulphur Springs nunha combinación de activismo relixioso e hábitos de lecer masculinos. Ela aprendera a non problematiza-las diferenzas, en aras do interese compartido por acumularen riquezas terreais.

Onda o Parque Nacional Yellowstone
Onda o Parque Nacional Yellowstone

A soidade atravesaba o sorriso vulnerable de Janet mentres a prepotencia de John estaba a dúas horas de camiño. A contabilidade por internet e ensinar inglés a inmigrantes hispanos da igrexa eran os únicos refuxios posibles ante as uvas da sempre asexante ira conxugal. A súa receita era manterse sempre sen outro protestantismo ca o relixioso naquela casona onde o integrismo presbiteriano enterrara as súas ilusións adolescentes.

Mentres conversabamos á noitiña faloume de como os hóspedes debiamos evita-la parte principal da casa, reservada para o seu marido. Mais pola mañá sorprendeume cun delicioso almorzo enxebre americano, non sei se para compensar ou agradecendo a conversa empática do serán anterior. O xesto amable e o fervor con que me recomendou as augas do balneario local fixéronme estender un día máis a miña estanza en Bozeman.

Os vapores telúricos das Bozeman Hot Springs abriron a miña pel e os meus sentidos ás augas profundas de Montana. Purificado polos seus aloumiños acuosos, gocei en estado case meditativo de calores termais de intensidades diversas, percorrín os labirintos exteriores do complexo e, de volta nos cheiros sulfurosos, recibín no jacuzzi máis tropical do balneario o fite duns ollos melosos de lembranza unicórnica, que sostiven ecuánime ata que a temperatura os fixo migrar a augas menos cálidas.

Xa na rúa, visitei con Auris o centro de Bozeman e deixei que a gastronomía e líquidos espirituosos locais avituallasen de vagariño os meus tecidos celulares, extenuados tralo longo maratón termal. E mentres o crepúsculo apuntaba saíndomos de Taco del Sol, puxen rumbo ó rancho de novo.

Ó entrar pola porta, John miroume de esguello por riba do mostacho canoso con áspera falta de calidez presbiteriana mentres seguía co rosario de esixencias e reproches á súa muller que, entre submisa e ausente, preparaba o asado á pata coxa. E alí, paseando o meu ollar de esquerda a dereita, confirmei que o desleixo inicial de Janet a noite anterior reflectía coma o espello do salón a vida que ela mesma padecía en silencio.

Cadaquén remolla as feridas da alma como a vida mellor lle deixa. Janet con indiferenza pasiva, John con reproches e prédicas relixiosas, e Makiko con rodeos espirituais. Ó final, en Montana, Wyoming e Colorado, con bypass ou con rodeo, os tres evitaban a dor profunda coa ira, a ausencia ou unha combinación de ambas.

Ó día seguinte quedábame atravesar Yellowstone de novo seguindo a Hwy 191 de norte a sur. En harmonía ecuánime e sen rodeos espirituais, cruzaría o seu cerne e, escoitando en silencio a música do corazón, continuaría a miña ruta cara a Grand Teton National Park antes de entrar en Idaho.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA