Sanidade espera completar este ano a cobertura total á poboación para detección precoz de cancro colorrectal

O programa é capaz de reducir o risco dos pacientes de padecer un cancro colorrectal no futuro e, a medio prazo, diminuír a incidencia da enfermidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2019 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade completará este ano a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detectación precoz do cancro colorrectal, cinco anos antes do que establece a Carteira Básica Común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). O Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal iniciouse en Galicia no ano 2013 e completou a súa implantación nas 7 áreas sanitarias da comunidade autónoma no ano 2017.

A iniciativa está dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos, é dicir, a preto de 730.000 persoas e cumpre co seu obxectivo de detectar precozmente esta enfermidade. Desde o seu inicio en 2013 e ata decembro de 2018, o programa convidou a participar a máis de 700.000 persoas de 50 a 69 anos e realizáronse preto de 300.000 probas de sangue oculto en feces, así como preto de 13.000 colonoscopias.

En cifras, detectáronse 860 cancros colorrectais e máis de 11.000 persoas están a seguimento no programa, tras a extirpación de lesións premalignas. O 70% destes cancros detectados fórono en fases iniciais, polo que o tratamento foi menos agresivo e cun prognóstico favorable. Ao extirpar lesións premalignas, o programa é capaz de reducir o risco dos pacientes de padecer un cancro colorrectal no futuro e, a medio prazo, diminuír a incidencia da enfermidade.

DÍA MUNDIAL

Con motivo da celebración mañá do Día Mundial para a Prevención do Cancro Colorrectal, a Consellería animou á poboación a diana a participar no programa de detección precoz do cancro de colon. Trátase dunha proba sinxela, indolora e gratuíta que se realiza no propio domicilio do paciente. Aqueles que desen un resultado positivo serán citados para facer unha colonoscopia.

O cancro colorrectal é un problema de "saúde importante" debido a súa alta incidencia e mortalidade. En mulleres é o segundo cancro con máis incidencia despois do de mama. En homes, segundo as últimas estatísticas, pasou de ser o terceiro, tras o de próstata e pulmón, a ocupar o segundo lugar en España tras o de próstata. A maior parte destes cancros diagnostícanse cando xa están avanzados o que diminúe a supervivencia dos pacientes. De aí a importancia da súa detección precoz, xa que isto permite reducir a mortalidade e aumentar a supervivencia das persoas que padecen esta enfermidade.

Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo
Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta