Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/11/2011 | Actualizada ás 19:45
A decisión da Permanente do Comité de Dirección do PSdeG --un grupo formado polos máis afíns ao secretario xeral-- de propor a Pablo García como senador provocou a rebelión de parte do Grupo Parlamentario que denuncia que Pachi Vázquez actúa "á marxe" dos órganos do partido que critica que esta proposta non se dera a coñecer na xuntanza da Executiva do pasado luns.
Pachi Vázquez decidiu presentar a súa proposta ante o Grupo Parlamentario este xoves nunha xuntanza de media hora o que cabreou, aínda máis, a algúns dos parlamentarios rebeldes que rexeitaron a proposta.
Un grupo formado por José Manuel Lage, Modesto Pose, Xaquín Fernández Leiceaga, Silvia Fraga, Ismael Rego, Plablo López, Guillermo Meijón, Manel Gallego ou Beatriz Sestayo, entre outros, manifestaron a súa contrariedade ante a proposta de Pachi Vázquez. Sen embargo, ninguén propuxo alternativas a pesares de que, previamente, algún manexara o nome de Emilio Pérez Touriño. Por iso, non houbo votacións.
Tensión
A pesar da súa brevidade, o encontro estivo cargado de tensión. Unha tensión que, ademais, continuou no interior da Cámara galega unha vez, xa, iniciado o pleno. Varios deputados seguiron comentando e discutindo sobre o encontro do grupo parlamentario o que provocou, mesmo, que Francisco Cerviño dese unha puñada na mesa do seu escano e marchásese acaloradamente tras manter unha discusión con Ismael Rego. Tamén os vigueses Manel Galego e María José Caride discutiron acaloradamente.
Unha situación que algún dos deputados consultados cualificou de "lamentable" porque aconteceu diante dos deputados populares e nacionalistas que amosaron a súa sorpresa polas pelexas dos socialistas. Finalmente, e tras a intervención doutros deputados, as augas no Grupo Socialista acougaron. Rego e Cerviño resolveron os seus problemas cun café e Gallego e Caride cunhas palmadiñas nas costas.
Logo do incidente na Cámara, tivo que ser o voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, quen saira a dar a cara para desmentir "problemas internos". "Houbo unha reunión limitada polo inicio do pleno no que se expuxeron cuestións que se aprobaron por unanimidade", indicou tras aclarar que non houbo voto, "senón asentimento". Ademais aclarou que, logo dos comicios, "non se pon en dúbida ao líder".
Posturas encontradas
Unhas explicacións que non convenceron a moitos. E é que as feridas abertas desde hai tempo no PSdeG, especialmente, tras a decisión do líder socialista de impor a regra "dun home, un cargo" seguen supurando. "O problema está en Pachi que fai todo de xeito abafante", apunta un deputado consultado. "Quizais o problema está en que algún ve perigar o seu cu no Parlamento para os vindeiros comicios e por iso está facendo este ruído", respostan desde a dirección socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.