Santi Rodríguez, mozo labrego: "Este país estase queimando desde a Xunta todos os días"

Este agricultor critica as políticas de axudas ao rural galego, no que os pequenos labregos e gandeiros están afogados por un sistema de subvencións que favorece as grandes explotacións. E advirte de que a precariedade do rural galego ten efectos nos incendios forestais.

Por Galicia Confidencial | Cartelle | 05/04/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Segue ardendo o país, e non me refiro a que leve dous días o lume comendo todo o que encontra. Porque este país se está queimando todos os días, xa que non é preciso ter lumes só para queimar un país, e é o noso caso. Este país estase queimando desde a Xunta todos os días". Así arranca un novo vídeo de denuncia de Santi Rodríguez Cid, labrego de Vilar de Ponte, no concello de Cartelle, quen arremete contra as políticas de axudas ao campo do Goberno galego e, particularmente, no caso de mozos donos de pequenas explotación, aos que a Xunta afoga cos seus dilatados prazos para a concesión e achega de subvencións.

Santi Rodriguez Cid.
Santi Rodriguez Cid.

"Sobrevivimos a duras penas, mentres nos seguen pintando que é idílico este rural grazas ás súas axudas [da Xunta]", láiase Santi Rodríguez Cid, que pon como exemplo o caso dun amigo gandeiro de alta montaña, "desesperado, xa que lle deben [a Administración galega] uns cuartos que el non ten [...] e que tivo que pedir por adiantado" para o seu negocio e que "non lle acaban de pagar". 

Este labrego, propietario dunha explotación de horta de tempada, pon o foco sobre a xente moza que coma el e o seu amigo queren quedar no rural e revitalizalo con actividades económicas como a gandería ou a agricultura, pero que só atopan atrancos por parte da Administración Pública. Ambos os dous, di, tiveron que sosteñer os seus proxectos con axudas das súas familias, non do Goberno. 

"Esa é unha maneira de queimar o país", comenta Santi Rodríguez Cid,, quen non comprende como un gandeiro de montaña –zonas xeralmente desertas– "el só se está encargando de manter limpas moitísimas hectáreas, co seu rabaño de ovellas, que está facendo todo á perfección, que non ten ataque de lobos practicamente polo bo manexo que está facendo dos animais... estanno queimando".

Rodríguez Cid asume que para aguantar unha pequena explotación rural en Galicia hai que ser "moi forte [...], ou mandas todo á merda", abandonando terreos que, seguramente, terminarán sendo pasto dos incendios forestais. 

"É curioso que sempre nos pase aos mesmos estas cousas; ás pequenas explotacións, que non temos por detrás a liquidez que fai falla para afrontar os prazos destas subvencións [da Xunta]", detalla este labrego de Cartelle. Esta é unha queixa que, di, "temos todas as pequenas explotacións".

Rodríguez Cid advirte de que a situación que padecen fai "inviable" seguir cos seus plans de desenvolvemento das súas explotacións aos pequenos labregos e gandeiros.

REGULACIÓN DE PREZOS E INCENTIVACIÓN DO CONSUMO

"A Xunta segue mirando para outro lado, segue ignorando totalmente algo que leva moitísimos anos pedíndose, dende sindicatos, dende algúns, aínda que poucos, partidos políticos, que é unha regulación dos prezos mínimos" para que estes propietarios non teñan que depender dunhas axudas "inviables". Dese xeito, argúe, os pequenos propietarios poderían ampliar as súas explotacións e tamén o emprego, mediante a contratación de xente.

Rodríguez Cid acusa a Xunta de "pasar completamente de incentivar o consumo dos nosos produtos, a non ser que entres no xogo das súas etiquetiñas e seliños", e que "minte todos os días nos medios", nos que "nos ensina todos os anos os poucos proxectos do rural, moi bonitos e necesarios todos, pero case sempre coinciden en ensinarnos os mesmos proxectos, que logo, cando os coñeces, tiveron a sorte de ter un colchón económico por detrás que che permite tirar e usar das axudas que esta xente che dá".

Neste sentido, semella que "igual son axudas feitas única e exclusivamente para quen ten cartos xa", critica este labrego. "Eu non teño forma de financiarme, de adiantar eses cartos", compara.

"Ese é o rural que está promocionando esta xente [a Xunta]", denuncia Rodríguez Cid.

INCENDIOS, EUCALIPTO E PRODUCIÓN INTENSIVA DE ALIMENTOS

"Logo queixámonos de que arde o monte, coma estes días. E indígnanse... [...], nós mesmos, pomos laciños, pero mañá saímos mercar sen preocuparnos de que carallo estamos a mercar, volvemos seguir ignorando se hai produtores ao noso arredor que nos poidan ofrecer iso e seguimos aguantando que na televisión pública sigan anunciando as plantacións masivas de eucaliptos e que a Administración siga promocionando, defendendo, subvencionando a produción intensiva de alimentos", critica.

"Vai seguir ardendo o monte mentres nós non queiramos cambialo", alerta.

Por todo isto, considera que "é o momento de entre todas mirar que carallo consumimos e pór nunha balanza se nos merece a pena máis, para que deixe de arder o monte, consumir e demandar os produtos de aquí", argúe Rodríguez Cid, quen coinvida a calquera que o desexe a visitar a súa explotación e as doutros compañeiros para comprobar os altos estándares de calidade e sustentabilidade cos que producen as pequenas explotacións.

Como mozo labrego propietario dunha pequena explotación, considera que chegou o momento de "quitar esta xentiña de aí" co voto, en referencia ao Goberno do PP na Xunta, á que acusa de "estar facendo barbaridades" co rural.

"Van seguir queimando o país, paréceme que por moitos anos, e vamos seguir poñendo laziños nas redes... e aguantar", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta