Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2019 | Actualizada ás 13:37
A Consellería de Medio Ambiente someterá a información pública a partir deste martes unha solicitude para incorporar unha formación de cedros localizado no lugar de Vilariño, en Teo (A Coruña), ao catálogo de árbores singulares. Segundo informa a Xunta, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o anuncio polo que se abrirá un período de 20 días hábiles durante o cal todos os interesados poden presentar documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas á proposta.
O obxectivo de promover a inclusión desta formación no catálogo de árbores singulares é garantir a súa protección e conservación, ao entender que debe ser preservada e inventariada. A Consellería de Medio Ambiente lembra que este catálogo é un rexistro público administrativo que serve como ferramenta aberta para incluír elementos novos tanto por parte dos seus propietarios como para as entidades públicas ou privadas. Actualmente, esta iniciativa consta de 189 elementos --151 exemplares e 38 formacións-- pertencentes a un total de 80 especies diferentes.
En canto aos dous cedros de Vilariño, en Teo, foron plantados na fachada norte dunha vivenda privada nesta zona. Os exemplares presentan unhas dimensións de 30 e 31 metros de altura, respectivamente, e de 3,27 e 3,71 metros de perímetro normal. Medio Ambiente sinala que estas árbores se atopan en "bo estado de conservación e de saúde", sen apreciarse podas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.