Investigadas catro persoas por causar danos en tumbas neolíticas no Irixo catalogadas como ben cultural

Os danos nas mámoas "foron promovidas pola Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Loureiro, denominada CMVMC O Quinteiro. O rexedor asegura que os danos se fixeron para abrir "camiños e cortalumes"

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/04/2019 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

Axentes do Equipo de Seprona de Ourense investigaron a catro persoas por delito sobre o patrimonio histórico por causar danos cunhas obras en tumbas neolíticas no municipio do Irixo (Ourense), catalogadas como ben cultural.

Segundo informou o Instituto Armado, no marco da 'Operación Sepulcrum' o equipo de Seprona da Comandancia da Garda Civil de Ourense iniciou unha investigación tras recibir denuncia efectuada por representante da Asociación cultural e ambiental Mámoa Verde Patrimonio, que puxo en coñecemento danos en tres mámoas situadas na parroquia de Santa Mariña de Loureiro, no Irixo.

As Benemérita indicou que se rexistrou "a destrución total da mámoa coñecida por Túmulo de Barro", unha tumba neolítica de 6.000 anos de antigüidade e a "destrución parcial da mámoa coñecida por Túmulo 3 da Bugalleira e Túmulo 4 da Bugalleira, ambas igualmente tumbas neolíticas de 6.000 anos de antigüidade". A Garda Civil destacou que todas elas están incluídas no Catálogo de Bens Culturais de Galicia.

A investigación para o esclarecemento dos feitos denunciados constatou, tras persoarse no lugar e realizar a preceptiva inspección ocular os axentes mobilizados, que a mámoa Tumulo de Barro "destruíuse totalmente desaparecendo ao realizar movementos de terra".

Mentres, as outras dúas "foron afectadas parcialmente por maquinaria usada para unha plantación de piñeiros". O Instituto Armado indica que "non consta ningún tipo de autorización" tanto do departamento de Patrimonio dependente da Consellería de Cultura, nin do Concello do Irixo.

OBRAS

Deste xeito, a Benemérita constata que as obras que deron lugar aos danos nas mámoas "foron promovidas pola Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Loureiro, denominada CMVMC O Quinteiro, da que aparecen como responsables os tres integrantes da súa xunta reitora, así como un operario que manexaba a maquinaria utilizada nestes feitos".

Tras tomar declaración en calidade de investigados a este catro persoas por un delito sobre o patrimonio histórico, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Carballiño.

Lugar da Bugalleira, no Irixo, onde foron afectadas varias mámoas por unha plantación
Lugar da Bugalleira, no Irixo, onde foron afectadas varias mámoas por unha plantación

"CORTALUMES E CAMIÑOS"

Os danos rexistrados producíronse ao facer cunha máquina "cortalumes e camiños" en monte comunal. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o alcalde da localidade, Manuel Penedo, quen lembrou que "o ano pasado veciños dO Quinteiro solicitaron un buldócer para facer camiños e cortalumes".

Por iso, o rexedor solicitou a máquina á Deputación provincial ao carecer o Concello do Irixo dunha e, unha vez concedida, "fixeron os camiños e cortalumes no monte comunal". Preguntado sobre se se adoptou algunha medida para protexer as mámoas da zona, o alcalde sinalou que "seguramente cando fixeron os traballos estaba todo cheo de maleza por todos os lados". "Pasou o buldócer e non as viu", abundou, tras sinalar que, por parte do Consistorio, "púxose a disposición o buldócer e punto".

En relación a se era necesario solicitar algún permiso especial para obrar nunha zona con mámoas catalogadas como ben cultural, o rexedor asegurou que desde que el goberna "nunca hai permisos para estas cousas".

Con todo, considerou que se tratou dun "accidente lamentable" porque "se amolou unha mámoa". "Ninguén sabía dela", xustificou en relación á máis danada, mentres que puntualizou que as outras dúas "apenas teñen nada".

Finalmente, asegurou que o Concello do Irixo atópase a disposición do departamento de Patrimonio da Xunta "a ver que di" en relación aos danos rexistrados nestas tumbas neolíticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta