Reaccións do 28A: os socialistas galegos celebran un novo tempo e Feijóo celebra os resultados do PP en Galicia

Cs di que son "a voz de Galicia" en Madrid. Unidas Podemos reivindicase como o "espazo hexemónico" da esquerda transformadora. O BNG asegura que está en plena "recuperación" e En Marea di que os que votaron ao PSOE foron os que no seu día votaron a este partido.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2019 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

PP

PSOE

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, asegurou que a vitoria do PSOE nunhas eleccións xerais en Galicia "por primeira vez na historia" marca un "novo tempo político" e supón unha "derrota electoral ao PP e a Feijóo". Co escrutinio case ao 100%, o xefe de filas do PSdeG compareceu ante os medios arroupado por candidatos da súa formación e dirixentes do partido. "O PSOE é a primeira forza política", celebrou Gonzalo Caballero, que puxo en valor que a súa formación se impuxese nas sete cidades galegas.

Nun discurso no que foi interrompido en varias ocasións polos aplausos da cúpula do PSdeG e dos seus aspirantes, Gonzalo Caballero avisou de que estes resultados "marcan un novo tempo político" que pecha "o ciclo do PP como primeira forza". "Dá unha derrota electoral ao PP e a Feijóo", asegurou o líder do PSdeG, que destacou que os socialistas galegos reciben con "responsabilidade" o apoio dado pola maioría dos galegos.

Cs

O secretario de Organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, reivindicou as dúas deputadas conseguidas por Pontevedra e A Coruña nas eleccións deste domingo como "a voz de Galicia en Madrid" e reafirmou os votos gañados pola formación fronte a "outros partidos" que "creron que Galicia era o seu feudo".

Rolda de prensa electoral de Cs
Rolda de prensa electoral de Cs | Fonte: EP

Ante decenas de simpatizantes que aplaudiron entusiasmados, e en compañía das deputadas pola Coruña, Marta Rivera da Cruz, e por Pontevedra, Beatriz Piñeiro, Bermejo deu as grazas aos integrantes de Ciudadanos en Galicia e manifestouse "contentísimo" por lograr "o obxectivo" que se expuxeron.

Tras lembrar que Ciudadanos é a "terceira forza política en Galicia", o secretario de Organización augurou que estes resultados son "o preámbulo de moi bos resultados" no futuro, especialmente no referente ás eleccións municipais de maio. "Ciudadanos está en Galicia e está para quedar", sentenciou.

 EN COMÚN UNIDAS PODEMOS

En Común Unidas Podemos, coalición de Podemos Galicia, Esquerda Unida e Equo, reivindícase tras os resultados das eleccións xerais como o "espazo hexemónico" da "unidade" das forzas política da "esquerda transformadora".

Así o indicaron os deputados electos pola coalición, Antón Gómez-Reino (A Coruña) e Yolanda Díaz (Pontevedra), que compareceron ante os medios ás 23,15 horas no coworking Campus Stellae da compostelá Praza da Quintana, sede elixida por En Común para o seguimento da xornada electoral. Así as cousas, a coalición de Podemos e EU conseguiu situarse como terceira forza en Galicia con dous deputados e máis de 230.000 votos (14,48% do total) polos 17.228 (1,08%) obtidos por En Marea, o partido de Luís Villares que optou por concorrer en solitario.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recoñeceu que a formación nacionalista "non conseguiu todos os obxectivos" marcados para estas eleccións, xa que finalmente non logrou recuperar a representación no Congreso que perdeu en 2015, pero destacou que a formación política está "en remontada" e tivo nesta cita coas urnas "un avance claro", ao duplicar o número de votos con respecto a 2016 --pasou de 46.000 a 92.000--.

Por iso, a imaxe de Pontón coa Executiva Nacional do BNG foi de optimismo para o futuro. Non en balde, a dirixente nacionalista augurou que este 'refacho' en "alza" seguirá nos próximos comicios municipais e tamén servirá para "acabar coa hexemonía política do PP" e "o decenio negro" de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras coñecerse os resultados do escrutinio, e despois de ter as primeiras palabras de "agradecemento para todas e cada unha das persoas que decidiron coller a papeleta do BNG"; Ana Pontón incidiu en que "o avance é claro". "Estamos en remontada, pómonos a traballar para as municipais", proclamou, antes de subliñar tamén que conseguiron "cousas que non eran sinxelas".

VOX

Vox non logrou representación en Galicia, aínda que a súa cabeza de lista pola provincia da Coruña, Miguel Ángel Fernández, que aspiraba a obter escano, sinalou que ve nos votos obtidos nesta Comunidade un "gran resultado".

Aínda que inicialmente declinaron facer declaracións tras un escrutinio no que se confirmaba que Vox non obtería ningún escano por Galicia, finalmente, desde a formación, a súa cabeza de lista pola Coruña optou por realizalas no hotel desde o que seguiron a noite electoral.

EN MAREA

O portavoz nacional de En Marea, Luís Villares, mostrou este domingo a súa "alegría" debido a que "as dereitas non suman para conformar un Goberno", a pesar de que, con máis dun 90% do escrutinio, a súa organización política non obtivo ningún deputado no Congreso, e asegurou que "o medo fixo que a cidadanía concentrase os seus votos no PSOE".

Así o sinalou Villares en rolda de prensa na noite deste domingo, onde agradeceu a "alta participación" nestas eleccións xerais "desenvolvidas nun contexto onde o medo primou sobre as ideas". "Estamos aliviados e alegres pola concentración do voto que fixo que a dereita non some e sentimos como propia esta concentración, porque a xente que nesta ocasión votou ao PSOE, é a mesma que nos apoia a nós", subliñou.

AV.- 28A.- . EN COMÚN
AV.- 28A.- . EN COMÚN
28A.- AV.- Villares, 'Alegre' Por Que As Dereitas 'Non Somen': 'O Medo Fixo Que Se Concentrase O Voto No PSOE'
28A.- AV.- Villares, 'Alegre' Por Que As Dereitas 'Non Somen': 'O Medo Fixo Que Se Concentrase O Voto No PSOE'
28A.-Pontón (BNG) Admite Que Non Lograron 'Todos Os Obxectivos', Pero Destaca 'A Remontada' E Mira Ao 26M E As Galegas
28A.-Pontón (BNG) Admite Que Non Lograron 'Todos Os Obxectivos', Pero Destaca 'A Remontada' E Mira Ao 26M E As Galegas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que anden con coidado, que os bos resultados do PSdG son á conta do hostiazo que levou a dereita do PP grazas a Vox ! Non son méritos propios dos sociolistos do carallo! https://resultados.eleccionesgenera... Vigo é unha boa representación do que votaríamos todos se nos deixaran !!! (quero dicir que con Rubén Pérez nas municipais non haberá esta participación nin de coña!)