Indyref2: a segunda posibilidade escocesa

En setembro de 2014 a cidadanía escocesa votou en contra da súa independencia cun 55% de votos en contra dun 45% a prol.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/05/2019

Comparte esta noticia
Influiu daquela unha campaña mentireira e avantaxista que ameazaba aos escoceses con ficaren fóra da Unión Europea e tamén coa perda de sedes de empresas importantes, como os bancos do Grupo Lloyds Halifax e  Bank of Scotland e máis o RBS. Ao tempo, laboristas e conservadores prometían un substancial incremento do autogoberno se Escocia ficaba no Reino Unido, acadando amplas competencias sociais, ambientais e fiscais (devolution plus). Moi axiña estas promesas de máis autogoberno foron totalmente esquecidas polos conservadores e laboristas británicos.
 
Este sábado máis de 100.000 persoas reclamando un segundo referéndum de independendencia (indyref2) ateigaron as rúas de Glasgow , a principal cidade de Escocia por PIB e poboación e tamén o máis forte apoio do soberanismo escocés, onde gañou amplamente o voto favorábel á independencia no 2014, cun 53%. 
 
No 2014 o daquela premier conservador, David Cameron, dixera que o non escocés definía de vez a cuestión polo menos para unha xeración. Que pasou para que menos de cinco anos despois deste referéndum a first minister nacionalista escocesa (SNP), Nicola Stugeon , reivindique o indyref2, o segundo referéndum de independencia?.
 
Pasou que Cameron convocou un referéndum británico en xuño de 2016 para definir a permanencia do Reino Unido na Unión Europea e perdeuno, co 51,9% dos votos para o brexit e o 48,1% para o remain. Mais na Escocia o 62% votou por ficar na UE e só un 38% por marchar. Logo duns números tan nidios era cuestión de tempo que Nicola Stugeon, co apoio que lle dan 35 nacionalistas sobre 59 representantes escoceses no Parlamento británico de Westminster e 62 deputados do SNP sobre 129 membros do Parlamento escocés de Holyrood (3 por baixo da maioría absoluta), reivindicara o dereito de Escocia a gobernar o seu futuro, tendo en conta a evidente mutación constitucional que suporá para Escocia o brexit que seica será realidade antes da fin do vindeiro outubro.
 
Os líderes conservador e laborista británico, Theresa May e Jeremy Corbyn, demostraron coa súa desaquelada xestión deste referéndum que a parvicie non é cousa exclusiva de dereitas nin de esquerdas, mentres negan o dereito dos escoceses a reverter no seu beneficio os gravísimos prexuizos que sofrirán se son excluídos dos beneficios da Unión Europea contra o voto do 62% da súa cidadanía.
 
Ou Westminster adia o brexit ou haberá indyref2. Unha segunda oportunidade para que Escocia poida definir o seu futuro. 
 

Campaña a favor do si en Escocia
Campaña a favor do si en Escocia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.