Aloumiños Galeusca en Boise

A exploración rumbo oeste de Gabriel Rei-Doval chega, nesta vixésimo quinta entrega de 'Viaxes sen Lee', á patria eusco-americana de Idaho.

Por Gabriel Rei-Doval | Boise (Idaho, USA) | 07/05/2019 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Exhausto tralo mergullo sen botella polas montañas de Idaho, entrei en horario serodio na casiña de barrio alto de Meridian onde os azares AirBnB me conduciran. Como nunca usara un trebello de entrada tan dixital, Tom houbo de atende-la miña chamada con sorriso de golfiño mentres Susanna gozaba de Morfeo. Demasiado tarde para derreterme en desculpas horarias, acomodei a bagaxe nun cuarto cálido da planta baixa con toques persoais de benvida e pequenos detalles de fogar acolledor. A nota na mesa de noite parecía persoal, individualizada e escrita desde o corazón. Para min, a mellor maneira de descansar dun longo día de azares aventureiros polas paisaxes de Idaho.

Onda os labregos da linguaxe eusco-americana
Onda os labregos da linguaxe eusco-americana

Almorzando a mañá seguinte Tom suxeriume visita-lo centro neurálxico da comunidade vasca en Boise. Comecei a percorre-la cidade polo capitolio bicameral, de arquitectura neoclásica e espazos acordes ó tamaño dos grupos representados. Mentres cruzaba os seus corredores de pedra chegou o saúdo inesperado desde unha oficina principal. Coa secretaria do Senado a acenar coma valquiria de outono atrevinme a interrompe-la súa rutina pescudando nos actuais senadores de orixe vasca do estado con máis descendentes de pastores euscaldúns.

Con sorriso Mona Lisa compartiu que o amor mineiro pola ikurriña se concentraba en Boise, onde os fillos de Sabino Arana fixeran comunidade no seu devalar estadounidense. Ningún senador actual era de orixe vasca, mais si o alcalde da capital. Así que aceptei o seu reto de gladíolos verdes e, con audacia de Michael Moore galaico, acudín presto na procura da chama Galeusca.

Quizais me atendese na Casa do Concello o honorable Dave Bieter (Garmendia), único alcalde euscaldún de Norteamérica. Neofalante de euskera e con casoiro gringo, Dave nunca renunciara ás raíces vermellas nin ás flores brancas da árbore de Gernika, en irmandamento sentido que aínda hoxe dá froitos sabor grosella. Seu irmán John dirixiu durante anos o programa de estudos vascos da Universidade, aínda a conectar Euskal Herria e Idaho en feliz sintonía transatlántica. As ocupacións políticas do alto representante local e maila miña curta estanza na cidade impediron a reportaxe en directo para o GC, mais puiden degustar no Basque Market os pintxos máis benetakoa de tódolos batzokis norteamericanos.

Á mañá seguinte, antes de continuar ruta cara á prometida Oregón, gocei do Basque Museum and Cultural Center de Boise e apreciei a importancia de Euskadi e da súa lingua patria coma flor seca de cacto silvestre. Annie, directora do museo e doce coma iogur de cereixa verde, detallou os cursos de euskera que o centro ensina de xeito habitual a rapaces e adultos da bisbarra. 

No Basque Museum and Cultural Center de Boise
No Basque Museum and Cultural Center de Boise

Daquela comecei a preguntarme por que Galicia non ten centros de dinamización sociolingüística en Newark ou Queen’s, pensei en consultar ós oráculos por que as actividades da nosa diáspora non deron lugar a celebracións galegófonas equivalentes, e prometín debullar por que non existe un verdadeiro Galician Cultural Center na Quinta Avenida de Nova York onde os netos de Rosalía aprendan de facto a lingua proletaria do meu pobo.

Na Boise State University érguese o principal programa de estudos vascos de Norteamérica; os galegos conformámonos con masters en cuchipandas e queimadas e mais doutoramentos culturais mesetarios. U-lo facho das Irmandades da nosa Fala na costa leste? Por qué o crack identitario de 2009 non afectou ós vascos de Boise? El será porque o RH vasco axuda a quere-lo propio mesmo se as catro cabezas de Lauburu se erosionan no río Boise? Actions speak louder than words e a lingua e identidade propias cómpre sentilas tamén no bandullo.

Nestas lerias seguía aínda meditando o meu maxín cando saín de Boise pola Interestatal 84 rumbo a Oregón, agardando que nos vieiros ata a costa oeste se aclarasen as dúbidas existenciais sobre as diferenzas vasco-galegas. 

Galeusca era un espellismo, desde logo en ollada transatlántica, e oxalá as aínda moitas horas de condución rumbo oeste axudasen a inspirar unha resposta convincente a tan elementais dilemas do ser galaico; se cadra co aloumiño dos ventos mareiros occidentais ou quizais coas xa próximas apertas oceánicas do Pacífico. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA