O PP rexeita unha medida para limitar terreos máximos de eucaliptos e evitar incendios como o de Dodro

En Marea presentou outra iniciativa que pedía á Xunta motivar "xustificadamente" o mantemento do contrato coa empresa Babcock que leva as contratacións de helicópteros, "a pesar dos reiterados incumprimentos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2019 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

O PP votou en contra este mércores no Parlamento galego dunha iniciativa do BNG, apoiada polo resto da oposición, que buscaba establecer criterios máximos para acoutar árbores en función da especie. O seu fin era apostar por unha ordenación en mosaico --con variedade de cultivos e vexetación que sirvan como devasas naturais-- para evitar que se repitan "catástrofes" como o recente incendio de Dodro e Rianxo (A Coruña), que arrasou máis dun milleiro de hectáreas.

Na súa intervención na comisión de Agricultura, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini, remarcou que das 1.165 hectáreas ardidas nese incendio, un total de 900 foron de eucalipto, unha masa "monoespecífica", polo que avisa de que a única prevención é apostar pola ordenación.

Por iso, o deputado nacionalista reclama á Consellería de Medio Rural "coller o touro polos cornos", pois é "máis necesaria que nunca" unha ordenación ante a "brutalidade da forestación que se está facendo actualmente". Aquí, remítese aos estudos sobre o valor das masas descontinuas e a necesidade de "confinar" a especies pirófitas como o eucalipto en superficies "limitadas".

O deputado de En Marea Davide Rodríguez coincidiu en que esta medida é "necesaria", mentres Raúl Fernández (PSdeG) apelou a aprobar medidas de "moito calado" como esta para axudar a combater o cambio climático, xa que alerta de que en 2050 na provincia de Ourense choverá a metade que agora.

En cambio, o deputado Moisés Branco Paradelo xustificou a negativa do seu grupo en que non son partidarios de facer modificacións lexislativas por "casuísticas particulares" como o incendio de Dodro e Rianxo. Ademais, resalta que as distancias que deben gardar o eucalipto xa están reguladas na lei de montes, á vez que a Consellería traballa nun novo decreto para o fomento das frondosas para a prevención de incendios.

Na súa quenda de réplica, Mini ironizou con que "houbo centenares de casos particulares" na vaga de incendios de 2017 en Galicia, á vez que asegurou que o Bloque insistirá nesta iniciativa ata conseguir a súa aprobación no futuro.

"INCUMPRIMENTO REITERADO" DE BABCOCK

Noutra orde de cousas, o grupo de En Marea presentou outra iniciativa nesta comisión -tamén denegada polos populares--, na que pedía a á Xunta motivar "xustificadamente" o mantemento do contrato coa empresa Babcock, "a pesar dos reiterados incumprimentos, constatados nas sentenzas da Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo".

Na súa intervención, Davide Rodríguez apuntou que Babcock, antiga Inaer, é a concesionaria de cabeceira nos últimos anos da Xunta na contratación de helicópteros de loita contra o lume e salvamento. No entanto, censurou "o incumprimento reiterado" por parte da empresa das prescricións técnicas do servizo.

Ademais, expuxo a condena a Babcock a abonar máis de nove millóns por irregularidades na declaración do imposto de sociedades. Por iso, avisou ao PP de que teña coidado con esta empresa non vaia a "salpicar" ao seu partido como lle "están salpicando moitos casos de corrupción", posto que "cando abres a neveira e cheira mal dentro, igual é que algo está podrecido". O popular Jacobo Moreira afeou a En Marea que esta proposta só busca "insidiar", mentres defende que o contrato da Xunta dos helicópteros foi "adxudicado correctamente".

A continuación, deixou claro que a Xunta "non ten ningún contrato" coas empresas sancionadas, xa que aínda que formen parte do Grupo Babcock non son as mesmas coas que a Xunta ten contratados servizos, polo que se trata de "unha vicisitude tributaria" que é "allea" ás relacións contractuais co Goberno galego e non existe unha prohibición de contratar con estas compañías, pois están "ao día" tributariamente.

"Xa está ben de inxuriar!", clamou o deputado popular, quen reprocha á iniciativa de En Marea que "non hai que motivar" o mantemento dun contrato, senón establecer por que hai que facer unha resolución se é necesaria.

Pola súa banda, o PSdeG e BNG apoiaron a iniciativa. Raúl Fernández lamentou o "asunto turbio" que rodea a Babcock, así como a "falta clara de transparencia por parte do Goberno galego" na contratación de medios áereos, "motivo de controversia permanente". Xosé Luís Rivas, Mini, criticou tamén as "desconfianzas múltiples" e "reiteradas sospeitas" existentes sobre Babcock.

Rural.- O PP rexeita unha medida que busca acoutar terreos máximos de eucaliptos para evitar incendios como o de Dodro
Rural.- O PP rexeita unha medida que busca acoutar terreos máximos de eucaliptos para evitar incendios como o de Dodro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta