Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 15:48
Galicia sitúase á cola de España en Internet de alta velocidade por rede fixa. A dispersión poboacional e a orografía penalizan a unha comunidade que se debuxa a varias velocidades e na que, aínda que o 99% da poboación xa ten acceso a Internet, os datos reflicten que se atopa lonxe das medias estatais en moitos parámetros.
O informe de Cobertura de Banda Ancha do Ministerio de Economía correspondente a 2018 sinala que o 99,74% da poboación ten en Galicia acceso a Internet a través de 4G por tecnoloxía móbil, o que permitiría velocidades de máis de 2 Mbps (coñecidos como 'megas').
Con todo, só o 86,79% da comunidade galega conta con cobertura de máis de 2 megas por redes fixas e a cifra descende ao 64,66% en canto a velocidades de máis de 30 megas. Para máis de 100 Mbps, a conexión por rede fixa situaríase no 61,53%, só por enriba de Estremadura.
Un dos aspectos nos que Galicia se sitúa á cola en España é en velocidade nas conexións por ADSL, a que chega a través do cable de telefonía tradicional, cun 70,14% con 2 Mbps, o que a deixa como a última das comunidades de España, do mesmo xeito que na de 10 Mbps, que só se alcanza en pouco máis da metade do territorio.
O informe de cobertura mostra un país con distintos niveis de velocidade na conexión a Internet por redes fixas, aínda que non tanto por provincias.
A Coruña conta cun ADSL a 2 megas no 70,82%, Pontevedra ao 70,86 e Ourense no 70,33 aínda que en Lugo a cifra cae ata o 66,64, a máis de 20 puntos da media estatal. Uns 20 puntos de diferenza que tamén se reflicten cando se analiza a conexión a Internet por ADSL a máis de 10 megas, na que ningunha das catro provincias galegas alcanza o 55%, cando a media estatal chega ao 71%.
RETO 2020: O 80% DOS GALEGOS CON ACCESO A REDES ULTRARRÁPIDAS
Neste contexto, os retos da Aadministración en canto a cobertura diríxense a achegarse ao obxectivo fixado por Europa para 2020: que toda a poboación teña acceso a redes rápidas, con velocidades de 30 Mbps.
Co I Plan de Banda Longa posto en marcha pola Administración perseguíase que todos os galegos tivesen unha cobertura básica de Internet. Facilitouse a cobertura de 3G a máis de 11.000 núcleos. Esta tecnoloxía despregada polo Plan de Banda Longa proporciona velocidades de acceso á rede de entre 2 megas e 21 e facilitou unha rápida transición a 4G.
Coa posta en marcha do Plan e as axudas do Estado a operadores a Administración garante que máis de 513.000 galegos de 309 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, terán cobertura de 100 megas de velocidade en 2020.
E en datos globais, isto tradúcese en que a finais de 2020 a Xunta estima que o 80% dos galegos terá acceso a estas redes.
OBXECTIVOS: POLÍGONOS E CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS
En todo caso, a Xunta fai fincapé nos seus esforzos para facer chegar a alta velocidade a polígonos e centros educativos públicos.
En 2018 completouse a conexión de 81 polígonos industriais a redes de ata 350 Mbps. Sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas, a cifra total é de 130 superficies empresariais con velocidades superiores a 100 Mbps. En porcentaxes, ata o 93% da superficie empresarial ocupada ten máis de 100 Mbps de velocidade.
En paralelo, a Xunta lanzou unha liña de subvencións para dotar de servizo de redes ultrarrápidas a autónomos e empresas. A primeira convocatoria, en 2017, supuxo preto de 400.000 euros de recursos públicos dos que se beneficiaron 30 empresas. A segunda, pendente de resolver, conta con 600.000 euros.
E en colaboración co Estado, a Administración autonómica desenvolveu a iniciativa 'Escolas Conectadas' para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100 Mbps.
Xunto cos 400 aos que a Xunta xa dotara desta conexión, isto supón que "a día de hoxe, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria teñan acceso a redes ultrarrápidas".
POR QUE MÁIS DIFICULTADES PARA A ALTA VELOCIDADE EN INTERNET?
Tanto a Administración como os expertos vinculan a situación de conexión a Internet en Galicia a dous elementos claves: a dispersión poboacional e a orografía galega. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia resalta que Galicia ten "o 40% dos núcleos de poboación de España e o 90% destes núcleos ten menos de 100 habitantes".
A poboación media dos núcleos galegos é de 89 habitantes, fronte á media estatal de 600 habitantes por núcleos e a Amtega apunta a que os plans de investimento dos operadores están ligados ao nivel de demanda e ao perfil sociodemográfico nas zonas rurais.
Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), incide en que a situación "orográfica e de dispersión" fai moi difícil facer chegar a conexión a Internet a distintos puntos, nos que as empresas "pon na balanza" as posibles perdas do investimento coas ganancias que obterían.
Pero, máis aló destes datos, o presidente do CPEIG pon en valor que Galicia é punteira en moitas cuestións tecnolóxicas, como no ámbito sanitario ou no uso de drons --polo tecnolóxico de Rozas--, ou na implantación de proxectos tecnolóxicos de Smart Cities. "Fáltanos un pouco sacar peito de que somos punteiros" en tecnoloxía, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.