Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/06/2019 | Actualizada ás 14:36
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou ao Partido Popular a "revitalizar" o Parlamento de Galicia co peche das tres comisións de investigación "paralizadas" e resolver a interinidade da valedora do Pobo e do director xeral da CRTVG.
Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o dirixente socialista criticou que o PP utilice a Cámara galega "de forma partidaria como elemento de mercadotecnia" e urxiu a "volta á normalidade parlamentaria" tras as últimas citas electorais.
Neste sentido, Leiceaga reclamoulle ao PP que de "carpetazo" á comisión de investigación das caixas e lembrou que as súas conclusións están pendentes de aprobación desde a pasada lexislatura. Ademais, sinalou que o mesmo sucede coa comisión de investigación da sanidade "paralizada polo PP" despois de acusar á oposición de "querer prolongala ata as eleccións".
Precisamente, sobre esta última, avanzou que os socialistas impulsarán un texto alternativo para visibilizar que o Parlamento debe de ser en lugar no que "se determinen as liñas de futuro da sanidade pública, en pleno contexto de cambios" que o PP anuncia pero non executa.
Así mesmo, o dirixente socialista criticou o "deixamento lexislativo" do Goberno galego que, segundo indicou, "incumpre as súas propias previsións" ata o punto de que "aínda non presento dous proxectos de lei fundamentais o de Emprego e o de Impulso demográfico", comprometidos en 2018. Ademais, criticou que os populares non quixesen "presentar calendario normativo para 2019", "para evitar que se poida contrastar coa realidade dos seus incumprimentos".
Neste contexto, tamén urxiu ao grupo maioritario da Cámara galega a resolver a interinidade de dous órganos dependentes do Parlamento, como son a CRTVG e o Valedor do Pobo.
RESPOSTA DO PP
A estes reproches referiuse nunha rolda de prensa posterior a viceportavoz do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Paula Prado, quen mostrou a súa "sorpresa" xa que, conforme indicou, "todos os grupos parlamentarios, cando hai eleccións, retardan o traballo parlamentario, non só o PP".
"Sorpréndeme que o Partido Socialista estea agora con esa intensidade reclamando traballo parlamentario cando eles foron os primeiros en pospolo neste último mes e nestes últimos meses, máis centrados na campaña electoral que no traballo parlamentario", apostilou Prado, quen engadiu que "o PSdeG retirou moitas iniciativas de comisións para non debatelas" en campañas electorais.
En calquera caso, sinalou que as comisións teñen que ser finalizadas coas súas conclusións e o seu informe correspondente, polo que indicou que "en breve" se resolverán as que están pendentes. Preguntada directamente sobre a Comisión de investigación das Caixas de Aforro, Prado explicou que ela non participa en concreto nesta.
"Pero pódolles falar doutra, a de Igualdade, na que o PSdeG solicitou que se pospuxese a redacción do pacto galego para a loita contra a violencia de xénero. Quero dicir que o PSOE cando lle interesa apraza as comisións", sentenciou a viceportavoz popular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.