Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 14:47
Esquerda Unida arremeteu contra o anteproxecto de Lei do Xogo de Galicia presentado pola Xunta de Galicia. A coordinadora nacional da formación, Eva Solla, tachou de "fraude" o texto actual, que "non defende á mocidade nin ás familias" e non aborda "as demandas sociais" para frear a implantación e extensión deste negocio na comunidade autónoma.
Así o trasladou en rolda de prensa, onde lembrou que a súa formación presentou unha proposición de lei no seu día e a Xunta "tardou máis dun ano" en traer un documento que vai "ao contrario" dos intereses das familias.
En primeiro lugar, criticou que "non resolve o problema da publicidade das casas de apostas", un elemento que as empresas utilizan para tentar "normalizar" o xogo e as apostas como unha proposta "de lecer", tanto a través dos medios de comunicación como en Internet. "Débese desvincular do deporte", insistiu, criticando que se deixe "aberto" este punto "ao arbitrio" dunha autorización.
O texto tampouco establece "ningún mecanismo" para o acceso ás máquinas 'comecartos' para "que non estean á o vista dos nenos". Solla aposta así por articular unha fórmula similar ás máquinas de tabaco que permita o acceso ou o desbloqueo tras unha comprobación da maioría de idade. Solla tamén criticou que non se aborde "un problema fundamental", como é a distribución e consumo de bebidas alcohólicas nas casas de apostas. "Non son bares, polo que é importante desvincular o consumo de alcol do xogo", sinalou.
É NEGOCIO, NON LECER
Finalmente, reprochou a "absoluta fraude" da distancia entre locais de xogo e os centros, que "unicamente salva a cara e non satisfai en absoluto as demandas sociais", marcando un límite "irrisorio" de 150 metros e que non inclúe outras zonas como instalacións deportivas ou parques infantís. A formación esixiu á Xunta, neste sentido, que "tome nota" das recomendacións das entidades e asociacións "que traballan para loitar contra a ludopatía" insistindo en que o problema "é entender que se trata dunha modalidade de negocio e non de lecer".
Así, avanzou que EU está a traballar para reunirse con asociacións de veciños como Vos Mallos e Navia, na Coruña e Vigo respectivamente, para escoitar as súas demandas e que protagonizaron campañas de loita contra a extensión das casas de apostas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.