Sería posible que o PP apoiara como alcalde a un candidato do BNG para evitar o goberno dunha marea local?

Temor entre certos sectores da Pobra do Caramiñal a que os populares poidan darlle a alcaldía aos nacionalistas, aínda que o máis votado foi Nós Pobra. O rexedor desta marea local non descarta nada e o candidato do Bloque di que “eles non pactaron nada", nin coa marea, nin co PP.

Por Galicia Confidencial | A Pobra do Caramiñal | 11/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nós Pobra, unha marea local, foi a formación máis votada nas eleccións do pasado 26 de maio. Acadou cinco edís e 2019 votos, 49 votos máis que a segunda formación, o PP, que tamén obtivo cinco concelleiros. Pero, a pesar de ser a forza máis votada e do discurso do líder dos populares galegos de deixar gobernar aos partidos máis votados, hai temor entre Nós Pobra e o PSdeG a que, finalmente, acabe gobernando esta localidade do Barbanza, o BNG, formación que obtivo dous edís.

Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra por Nós Pobra
Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra por Nós Pobra | Fonte: remitida

A priori ninguén confirma a existencia dun pacto, nin dun acordo, pero fontes populares deixaron entrever que “podería haber sopresas” o día 15 de xuño, día de constitucións dos gobernos municipais. “A única sorpresa é que eles apoien ao candidato do BNG, Ramiro Ouviña, como alcalde”, apunta o alcalde en funcións e líder de Nós Pobra, Xosé Lois Piñeiro. “Nós non pactamos nada co PP e serán eles os que teñan que pronunciarse”, engade Ouviña en declaracións a Galicia Confidencial.

Xosé Lois Piñeiro desbancou da alcaldía en 2015 a Isaac Maceiras. Este rexedor popular foi o que máis tempo estivo no poder nesta localidade, 16 anos consecutivos. Por iso, hai certo queime neste partido tras os resultados, que confirmaron que a marea local está en ascenso. O PP nin confirma, nin desminte nada, pero as distintas xuntanzas entre os partidos fixeron saltar as alarmas. “A nós esa posibilidade xa nos chegou por distintas vías”, insiste o rexedor pobrense. “Iso son rumores interesados, “trolls” que andan soltando iso polas redes sociais”, destaca Ramiro Ouviña. 

DOUS CANDIDATOS DA ESQUERDA

O caso é que tras as reunións a distintas bandas mantidas polas distintas formacións hai unha cousa clara; o 15 de xuño haberá máis dun candidato da esquerda á alcaldía. Por unha banda, o actual rexedor e candidato de Nós Pobra, que será apoiado polo PSOE e, polo outro, o do BNG, Ramiro Ouviña. E a conformación do goberno futuro dependerá do PP se, finalmente, non vota polo seu candidato e decide apoiar ao candidato nacionalista.

Resultados electorais na Pobra do Caramiñal
Resultados electorais na Pobra do Caramiñal

E se tal cosa pasa?. “Nós non queremos entrar nesas dinámicas perniciosas porque o que estamos facendo é exercer o noso dereito a presentar a nosa candidatura... Por agora non existen ningún pacto nin co PP nin con Nós Pobra. De acontecer iso hai armas para contrarrestar esa posibilidade se se dá”, aventura Ouviña.

MALA RELACIÓN

Pero, por que se chegou a esta situación?. O candidato nacionalista é contundente; “da outra vez nós demos o noso apoia a investidura sen ningún tipo de contrapartida e en catro anos houbo moitas cousas que non se fixeron”, suliña tras indicar que ese apoio puido terlle pasado factura nestes comicios, xa que perderon case a metade dos votos con respecto a hai catro anos e tamén un concelleiro.

Pola súa banda, o rexedor en funcións, Xosé Lois Piñeiro, insiste en que sempre houbo “man tendida” cara o BNG, aínda que recoñece a existencia de “malas relacións” cos nacionalistas durante estes catro anos. En todo caso, destaca que se lle ofreceu chegar a un acordo de investidura, pero que o BNG o rexeitou. “Dixeron que a súa asemblea local votara por non apoiarnos e xa non houbo xeito de manter novas conversas”, asegura.

A partir de aí, Nós Pobra mantivo varios encontros co PSdeG, que ten un concelleiro, e ambas as formacións avanzaron xa nun acordo de investidura e, probablemente, nun acordo de goberno conxunto, sempre e cando, o PP non faga alcalde ao candidato do Bloque. “As portas seguirán abertas para o BNG”, di Piñeiro. Pola súa banda, Ouviña suliña que, se Nós Pobra se fai coa alcaldía, haberá unha nova asemblea do Bloque para decidir se, finalmente, entran ou non no goberno municipal.  En todo caso, a dúbida será despexada o vindeiro sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Xancinho

Vergoñento o dos upegallos avalando esta operación. Viva a coherencia política. Uns nacionalistas pactando cun españoleiros rancios aliados da ultradereita. Vós con foder ás mareas non sabedes o que facer. Tranquilos que o ides pagar moi caro. Xa vos chegará a hora.

1 Kinindiola

Pois que quer que lle diga...para min que as Mareas xa se foden elas soas e sen precisar axuda....ese experimento gaseoseiro das Mareas está finiquitado e como moito dará en catro frikis enrolados en candidaturas independentes municipais de rebotados, a imaxe e semellanza das que lle saen, cada pouco, aos pepereteiros.

3 Xanc

E que a Marea de Noia apoie ao PP é un feito https://www.google.es/amp/s/www.lav...

2 Posible é

Os casos xa se teñen dado, como que A Marea apoiase ao PP en Fene hai dous días. De todas as maneiras este da foto escapou cunha acta ou non?

1 Julín

Con que o BNG non presente candidato , está o tema arranxado. Seguro que teñen un acordo como o que tivera Manuel Rodríguez Doval en Ares ( PP-BNG)