Galicia incrementa o número de prazas públicas en escolas infantís de iniciativa social un 5%

A orde de axudas, que conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros, pon a disposición das familias 2.850 prazas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, lembrou este luns que o número de prazas públicas en escolas infantís de iniciativa social se incrementará un 5% para o próximo curso.

Así o dixo durante unha visita ao centro Cativos, situado no barrio compostelán do Restollal e que atende a 41 nenos, un encontro no que lembrou que a Xunta acaba de publicar a orde de axudas para escolas de iniciativa social, que conta este ano cun orzamento de 3,4 millóns de euros, un 10% máis que o pasado.

Este financiamento, dixo a conselleira, pon a disposición das familias galegas 2.850 prazas públicas distribuídas en 49 escolas de iniciativa social de toda Galicia, que complementan as prazas que ofrecen os centros de titularidade da Xunta e as demais escolas infantís con prazas públicas.

En concreto, Fabiola García indicou que a escola infantil Cativos recibe este ano máis de 60.000 euros para garantir unha atención de calidade aos seus usuarios. Este importe, lembrou, aumentou 8.000 euros con respecto á contía do ano pasado.

Fabiola García fixo fincapé no esforzo da Xunta para que cada día haxa "máis recursos de conciliación" para as familias galegas. Por iso, ademais de poñer en valor esta orde, tamén resaltou outras medidas, como a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou o Bono Concilia.

A conselleira lembrou que a Galicia conta xa con máis de 25.000 prazas públicas de atención á infancia de 0-3 anos, o que eleva o cociente de cobertura ao 44%, 11 puntos por encima da recomendada pola Unión Europea.

Galicia incrementa o número de prazas públicas en escolas infantís de iniciativa social un 5% no próximo curso. XUNTA
Galicia incrementa o número de prazas públicas en escolas infantís de iniciativa social un 5% no próximo curso. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta