Demógrafo da Universidade da Coruña: "Está a crecer a infecundidade voluntaria por mor da precariedade laboral"

O catedrático de socioloxía Antonio Izquierdo advirte de que "a xente ten fillos se o seu emprego non é precario, non pola macroeconomía".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2019 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O catedrático de socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo asegurou que "non sorprende" a "tendencia" descendente de nacementos en España --que caeron un 29% na última década-- porque o país se atopa nun "réxime de moi baixa fecundidade" e achácao á precariedade laboral pois, aínda que melloran os indicadores macroeconómicos, precisa que os españois non teñen fillos en función da macroeconomía.

Unha muller embarazada, nunha manifestación en Vigo polo cambio global, pregunta polo seu bebé: '¿Tendré futuro?'
Unha muller embarazada, nunha manifestación en Vigo polo cambio global, pregunta polo seu bebé: '¿Tendré futuro?' | Fonte: Miguel Núñez

"Non se está saíndo da crise. Que é saír da crise? Que a macroeconomía crece? Non, iso non é saír da crise. A xente non ten fillos pola macroeconomía. A xente ten fillos porque o seu emprego non sexa precario, non sexa temporal, teña seguridade nel e teña unha perspectiva dunha carreira laboral", explicou Antonio Izquierdo sobre os datos de 'Movemento Natural da Poboación' publicados este 19 de xuño polo Instituto Nacional de Estatística.

O demógrafo enumera os tres indicadores da precariedade no traballo --temporalidade, baixo salario e traballo a tempo parcial involuntario-- para subliñar que "este tres indicadores seguen estando en 2018". "Hai dúas visións sobre o que é saír da crise: a das elites e a visión dos que teñen fillos", matizou.

Ademais, destaca o feito de que un 20,6% do total dos nacementos en 2018 fosen de nai estranxeira, pois se non fóra por estes nenos, o réxime de fecundidade sería "moito máis baixo". "Son un 10% e repercuten nun 20%", remarcou. Aínda que, precisou que a crise económica afectou a todos.

Tamén contribúe á baixa fecundidade, segundo o experto, o feito de que se atrase a idade para ter fillos. En concreto, segundo os datos do INE, o número de nacementos de nais de 40 ou máis anos creceu un 63,1% nos últimos 10 anos.

"Aos 40 anos, se xa non se ten unha certa situación segura no mercado laboral, xa non se van ter. Aí tiveches tempo de diminuír a precariedade e por outra banda estás ao fío de non poder telo, entón atrásase a maternidade ata que xa non se pode atrasar máis", analizou.

En calquera caso, Izquierdo puxo de relevo que o que non cambiou é o desexo das mulleres españolas de ter fillos, sendo a fecundidade desexada de dous fillos por muller. "A fecundidade desexada mantense no mesmo nivel desde hai 30 anos. O que varía --precisa o experto-- son as condicións para realizar ese desexo e iso ten que ver coa precariedade".

Ademais do grupo de mulleres que queren ter máis fillos dos que teñen pero non poden súmase o daquelas que non queren ter fillos. "Está a crecer a infecundidade voluntaria", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta