Intelixencia artificial galega para valorar a habilidade dos surfeiros

O Instituto Tecnolóxico de Galicia aplicou unha innovadora solución tecnolóxica no Campionato de España.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/06/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) achegou a solución tecnolóxica FlyThings® Surf ao Campionato de España desta modalidade deportiva, que tivo lugar do 22 ao 28 de xuño en augas de Ferrol e que contou con máis de 350 competidores de toda España.

Campionato de Surf
Campionato de Surf | Fonte: Instituto Tecnolóxico de Galicia.

FlyThings® Surf é unha solución formada por un pequeno dispositivo hardware instalado na  licra do surfeiro, cun peso de 90 gramos e unhas dimensións de 11x6 centímetros, e por un software que representa sobre imaxe de vídeo os valores que alcanza o deportista en cada unha das súas manobras. A información obtida permite valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza destes deportistas.

Os parámetros que se rexistran proporcionan unha radiografía 4D do surfeiro durante o tempo que está na auga. Pódense coñecer e discriminar os seus movementos e manobras mediante o coñecemento e análise da posición exacta en tres eixos (tres dimensións) e ao longo do tempo (cuarta dimensión).

O sensor, de alta precisión e baixo consumo, rexistra 50 datos por segundo que son analizados e tratados con técnicas de intelixencia artificial, dando como resultado unhas estatísticas comprensibles para o espectador.

A achega tecnolóxica de ITG no Campionato de España de Surf 2019 enmárcase no convenio de colaboración asinado en 2018 entre o centro tecnolóxico, o Comité Olímpico Español (COE) e a Federación Española de Surf para fomentar a innovación e a investigación aplicada ao deporte.

Ademais do Campionato de España organizado pola Federación Española de Surf, ITG é o  socio tecnolóxico do Pantín Classic Galicia Pro ata o ano 2020. Un evento que forma parte do calendario oficial do campionato do mundo organizado pola World Surf  League (WSL) e que se converteu na proba máis importante en España polas súas dimensións e a máis antiga de Europa. Durante este tempo, ITG identificará os retos tecnolóxicos do campionato co obxectivo de posicionalo como referente tecnolóxico internacional.

O equipo de enxeñeiros de  ITG recolleu as achegas dos deportistas que probaron a primeira versión do dispositivo, que se instalaba na táboa de surf, e está a traballar na nova versión de  Flythings® Surf, que incorporará melloras na integración co sinal de televisión, así como máis datos da actuación do surfeiro respecto a a versión lanzada en 2018, que medía velocidade de xiro e forza de xiro.

O sistema de  telemetría tamén foi  testado recentemente nunha proba do Campionato do Mundo de Class 1 e Aquabike. Técnicos do ITG desprazáronse á localidade portuguesa de  Portimão para despregar a tecnoloxía de forma coordinada coa organización do campionato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta