Jácome e Baltar, do odio ao amor

Din "deixar atrás o pasado", cargado de críticas mutuas e insultos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2019 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

Os primeiros días do goberno de coalición de Democracia Ourensana e o Partido Popular, tanto no Concello como na Deputación de Ourense, foron definidos polo rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, como "os de maior entendemento que nunca".

A pesar do paradoxo, comezou Jácome, e "en contra do pasado deixado atrás" —cargado de ataques recíprocos e e mesmo insultos por parte do novo alcalde a Baltar— este novo tempo político "caracterízase pola rapidez á hora de chegar a acordos entre administracións"

Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome reúnense en Ourense.
Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome reúnense en Ourense. | Fonte: Europa Press

Estas foron as palabras do alcalde de Ourense tras a súa primeira visita institucional este xoves á "Administración irmá" para reunirse co presidente da Deputación, Manuel Baltar. O cal supuxo "toda unha honra e pracer" para os antigos rivais políticos.

Os lazos entre ambas as administracións públicas non fixeron máis que comezar a estreitarse. A pesar de que no mandato anterior xa existía un comité de cooperación permanente, "o primeiro órgano desas características en España", a intención é incrementar aínda máis esa colaboración "cunha relación mensual entre ambas as institucións alternando o espazo", segundo explicou Manuel Baltar.

A axenda dos encontros virá marcada pola "actualidade institucional" en base á "lealdade" e "cooperación", manifestou o presidente da Deputación, que tamén resaltou a intención de "colaborar en todos e cada un dos proxectos que o goberno poña sobre a mesa" porque "Ourense é o principal fío condutor".

Os temas principais tratados nesta reunión foron as dúas medidas "estrela" de Democracia Ourensana o parque acuático e o Centro de investigación de Intelixencia Artificial e, en ambas, os dous líderes políticos mostraron "unión na visión de futuro".

DOUS PARQUES ACUÁTICOS

"A falta de matizar", abríronse dúas vías para o parque acuático. "Unha moi rápida e de verán" que é a que xa expuxo a Xunta de Galicia coa posta en marcha dun parque acuático en Monterrei e "outra máis exclusiva e que suporía unha fama a nivel europeo" que sería a creación do parque acuático termal, idea de DO, na contorna de Untes, segundo relatou Jácome.

O parque acuático de Monterrei tería a vantaxe de que podería ser unha realidade nun par de anos, tal e como indicaron ambos os dirixentes. Mentres que o parque termal de Untes requiriría "de máis tempo e investimento", o cal os situaría "ao final do mandato".

No entanto, o presidente da Deputación quixo incidir en que "ninguén di que non poidan ser compatibles as dúas infraestruturas".

Na mesma liña, Jácome insistiu en que "non van renunciar ao termal" porque considera que "o ideal sería ter unha estampa permanente visible desde a Autovía e que tería unha zona termal aberta todo o inverno".

UN EDIFICIO PARA O CENTRO DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL

"As solucións inmediatas" ás que se referiu Jácome como froito da cooperación coa institución provincial foron "a posta a disposición do Concello dun lugar para albergar o Centro de investigación de Intelixencia Artificial".

Concretamente, segundo explicou Baltar, será acollido polo Edificio Provincia Intelixente, ideado pola Deputación, "un lugar con espazo suficiente para o medio cento de científicos que, de maneira inicial, pretende atraer o centro de investigación" e que esperan que estea "plenamente operativo en xaneiro de 2020".

A acollida do proxecto por parte da Deputación foi definida por Jácome como "a lombeirada definitiva" para a creación e posta en marcha dun centro que "será o mellor de toda España" e "cambiará Ourense para sempre, ao reducir a baixada demográfica".

A pesar de que estes foron os dous primeiros temas tratados nunha reunión institucional, ambos os líderes políticos coincidiron en sinalar que "non son as prioridades do Concello nin da Deputación" e que as verdadeiras medidas inmediatas deben ser "a limpeza e o amaño de parques".

DÚBIDAS ANTE A REFORMA DA PRAZA DE ABASTOS

Por outra banda, Jácome preguntado pola idea do PSOE de manter, si ou si, a reforma da Praza de Abastos, a pesar da perda, de maneira inicial, da subvención para tal fin, o alcalde manifestou que "non ve claro gastar ao redor de cinco millóns de euros para recibir de canon polo aluguer uns 2.000 euros ao mes".

Neste sentido, referiuse a que "deben valorarse as opcións" porque o rexedor ourensán considerou que acometer esta reforma deixaría nunha situación de desvantaxe a outros comerciantes ourensáns, como poderían ser os de calquera galería comercial da cidade, que "pedirán tamén unha reforma paga con diñeiro público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Eso, centro de intelixencia artificial, porque de intelixencia " natural" algún " líderes" democráticos ourensans non andan sobrados, prfecisamente.

1 Venancio

Levas razón. Terá que ser artificial. Porque en Ourense moita natural, o que se di, moita, moita, non che hai. Sacaron a pota do lume antes de tempo. E agora fáltalhes un fervor aos aourensanos.