Os placeiros de Ourense, abertos a renegociar o contrato se "se inclúe a ampliación dos anos de concesión"

O alcalde de Ourense mantén que "a actividade económica" é unha condición básica para a reforma.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O presidente dos comerciantes da Praza de Abastos Número 1 de Ourense, Emilio González, trasladoulle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a súa "dispoñibilidade para renegociar o contrato", a condición de que "se inclúa a ampliación dos anos de concesión" que agora mesmo se situarían en oito.

A reunión mantida este venres nas dependencias municipais xorde por mor das declaracións vertidas este xoves polo rexedor, nas que aludía a que para levar a cabo a reforma das dependencias da Praza de Abastos era "necesario variar as condicións económicas" e, previsiblemente, cambiar o lugar no que se sitúan provisionalmente os placeiros, entre outras.

Deste xeito, os comerciantes puxeron de manifesto que "non poden facer ningún tipo de investimento a oito anos vista". A este respecto, desde o Concello quedaron en estudar cos servizos xurídicos a ampliación da concesión e facerlle unha proposta.

Emilio González transmitiulle ao rexedor no encontro o seu "desacordo" cos termos en que se expresou. "As condicións da concesión, marcadas en base ás ordenanzas fiscais do Concello, son as que estipulan un canon de 2.500 euros ao ano", subliñou para puntualizarlle ao alcalde que "os placeiros non lle están quitando nada á cidade".

Pola súa banda, Jácome aludiu a que ten "claro" que para que a reforma vaia adiante "é necesario que o mercado funcione en materia económica". Neste sentido, os placeiros respondéronlle coa súa "preocupación" polos "malos momentos" que están a vivir.

Noutra orde de cousas, o presidente dos comerciantes mostrouse "moi satisfeito" de ter coincidido co alcalde na importancia de que coa reforma da Praza de Abastos poidan acceder todas as persoas ao mesmo nivel. A este respecto, "o que levamos reclamando os comerciantes durante moitos anos non é facer unha pasarela ao tipo, senón un estudo arquitectónico perfecto", sinalou.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta