Polo momento, non se pechou ningún acordo, e os sindicatos expuxeron varias alternativas para reverter os despedimentos, desde a aplicación dun ERE a baixas incentivadas. A empresa, pola súa banda, abriuse a considerar a readmisión de dous empregados, aínda que sen ofrecer nada concreto e as partes quedaron emprazadas a unha nova reunión este xoves.
"É unha vergoña que os empresarios teñan un representante como Manuel Rodríguez, que usa prácticas propias de épocas escuras. Tíñanlle que esixir a dimisión", denuncian os traballaodres
Rodríguez asegurou que prevé a construción de varios buques e lanchas de fibra, a adquisición dun segundo dique e investimento no varadeiro, e garantiu que, cos últimos 7 despedimentos comunicados a pasada semana, dáse por concluída a reestruturación do persoal e non haberá máis rescisións de contrato.
Fontes da empresa trasladaron que as indemnizacións establecidas para os traballadores a quen se lles rescindiu o contrato (a directora financeira, un xefe de buque e cinco operarios da sección de tubaxe) "cumpren estritamente a legalidade" e que se actuou "con respecto aos dereitos dos traballadores".
Nos últimos 3 anos, foron despedidos case unha trintena de operarios, xa que a intención da dirección é "quedar só con 12" traballadores, segundo informa José Antonio Fernández Vila, o que fora presidente do comité hai un ano e medio, cando foi despedido.