Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2019 | Actualizada ás 13:08
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, asegurou que a presenza de nomes galegos entre o Consello de Ministros non suporá unha "liña vermella" nin unha "posición de máximos" á hora de formar Goberno, senón que o grupo se debe mostrar "flexible".
A xuízo de Gómez-Reino, que acudiu este domingo a unha xornada aberta de Podemos Galicia en Santiago, a "axenda galega do cambio" leva catro anos sobre a mesa do Congreso dos Deputados e agora resulta "esencial" que as demandas de Galicia estean representadas no Consello de Ministros e nas "diferentes formas de construción de Goberno" que se abordan nesta investidura.
Neste sentido, para o líder da formación a nivel galego, "o fundamental" é que Galicia estea dentro da axenda política dun "Goberno de coalición, plural e progresista" que cumpra co "mandato da cidadanía" que se reflectiu o pasado 28 de abril nas urnas.
Respecto diso, Gómez-Reino sinalou que Podemos "está a facilitar ese acordo" que non só obedece ao resultado das últimas eleccións xerais, senón que atende ao que manifestaron as bases da formación e á enquisa do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS). "Hai que traballar para que se cumpra co mandato da xente canto antes" e facelo con "calma, meticulosidade e paciencia", engadiu.
Ademais, a formación morada destaca que o "máis importante" para o grupo é conseguir que haxa un "Goberno que aborde" os asuntos "en materia social" e que responda "as problemáticas que teñen a maioría dos pobos do estado español".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.