Besteiro denuncia a "ameaza privatizadora" do PP nas empresas públicas: "Dende o PSdeG ímola confrontar"

O secretario xeral do PSdeG visita Navantia Fene.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 14/07/2025 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou na mañá deste luns en Ferrol que a súa formación "vai confrontar" a "axenda" que o Partido Popular aprobou a semana pasada no seu Congreso nacional e que inclúe, segundo denuncia, o "desmantelamento da participación do Estado nas empresas públicas". O líder dos socialistas galegos, que este luns visitou Navantia Fene, advertiu que isto suporía para Galicia e para Ferrol "un aviso de privatización".

Na súa intervención, Besteiro sinalou que a "melloría" do sector naval desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno ata a actualidade é "unha realidade" e lembrou que antes as instalacións como as de Navantia Fene, que visitou esta mañá, "estaban practicamente desmanteladas". "Desde entón", engadiu, "recibiron un impulso claro", como proba que na actualidade estean "a entrar cada día a traballar preto de 2.000 persoas".

"Os socialistas imos explicarlles aos cidadáns o que fixemos e o que queremos facer porque esa axenda de investimento non se pode deter", dixo Gómez Besteiro, que aludiu aos 5.000 millóns asociados principalmente ao programa de construción das fragatas F-110 en Ferrol. "A defensa do público, do modelo investidor que temos para Galicia e Ferrol é fundamental", subliñou. Nesa liña, explicou que o seu partido vai apoiar " ese proceso de modernización" e a construción "dun dique cuberto". Por outra banda, Besteiro criticou ao PP por "falar de baixar impostos cando en Ferrol sobe un 10 % o IBI e un 40 % o recibo da auga. Teñen dúas axendas".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visita Navantia Fene
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visita Navantia Fene | Fonte: PSdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta