Pontón carga contra o “orzamento militarista” da UE e activa unha ofensiva institucional

O BNG mobilizarase en Galicia, Madrid e Bruxelas contra os recortes na PAC e no fondo de pesca, que consideran un mazazo para o rural galego.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada Ana Miranda anunciaron unha ofensiva institucional en Galicia, Madrid e Bruxelas contra o orzamento proposto pola Comisión Europea para o período 2028-2034, ao que tachan de “militarista” e “mazazo” para Galicia. Alertan dun recorte do 30 % nos fondos da PAC, así como dunha rebaixa de 4.000 millóns no fondo europeo de pesca e acuicultura, nunhas contas que consideran “ao servizo da OTAN e Trump” e que priorizan o gasto en defensa fronte ás políticas sociais e de apoio ao sector primario.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. BNG | Fonte: Europa Press

Pontón acusou a PP e PSOE de pactar uns orzamentos que traen “menos recursos, menos cohesión e menos autogoberno”, cun incremento do gasto militar e unha “recentralización” das políticas. Por iso, o BNG comprométese a mobilizarse nos próximos dous anos para “reverter este despropósito”, con contactos con colectivos afectados e iniciativas no Parlamento galego, Congreso, Senado e Europarlamento.

Miranda, pola súa parte, sinalou directamente a Ursula von der Leyen, “a xefa europea de Feijóo e Rueda”, de impulsar unhas medidas “discriminatorias para Galicia”, que supoñen a perda de 60 millóns en fondos de cohesión, a desaparición do fondo de transición xusta e un recorte drástico nas partidas para o Corredor Atlántico.

En relación á crispación política, Pontón respondeu ás declaracións do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, quen pediu rebaixar o ton do debate. A líder nacionalista coincidiu coa chamada ao diálogo, pero reclamou que “o PP se aplique o consello”, ao que acusa de “alimentar o bulleiral da política madrileña” en Galicia. “Que Rueda tome nota”, rematou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta