Estes son os concellos con problemas financeiros

Ponteareas, Bueu, Cambados, Vilanova e Viveiro son algúns dos municipios nos que o Consello de Contas detecta algún tipo de problema relativo á súa viabilidade financeira, As catro deputacións e as sete grandes cidades non presentan ningún problema.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2019 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

Ponteareas, Bueu, Cambados, Vilanova de Arousa (todos eles na provincia de Pontevedra) e Viveiro (Lugo) figuran entre os concellos galegos nos que o Consello de Contas detecta algún tipo de problema relativo á súa viabilidade financeira. Recólleo o informe de fiscalización sobre o endebedamento das entidades locais de Galicia correspondente ao exercicio de 2016, un dos case 20 que o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entregou este venres ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Diñeiro.
Diñeiro.

O documento alcanza ás 362 entidades principais que conforman o sector público galego, é dicir, 314 concellos, catro deputacións, 35 mancomunidades e nove entidades locais menores, con 18 entidades pendentes de render contas.

As catro deputacións provinciais presentan aforro neto e remanentes de tesouraría axustados positivos, tanto no 2016 como no exercicio anterior, "non tendo ningún problema financeiro", destaca Contas.

Respecto dos concellos de poboación de máis de 50.000 habitantes, "todos rexistran aforro neto e remanentes de tesouraría axustados positivos, tanto no exercicio 2016 como no exercicio anterior, polo que non presentan problemas de viabilidade financeira".

Tamén os 15 concellos que teñen de 20.001 a 50.000 habitantes presentan "aforro neto positivo, así coma solvencia e liquidez", no exercicio 2016, excepto no caso de Ponteareas (-1,52 millóns de euros).

O Consello alcanza a mesma conclusión en relación cos concellos que teñen de 10.001 a 20.000 habitantes, "ao mostrar todos eles aforro neto positivo".

Con relación ao remanente de tesouraría para gastos xerais, 29 presentan solvencia e liquidez, mentres que, dun lado, os de Bueu e Cambados, cuxa contención do remanente de tesouraría resulta "insuficiente" para presentar liquidez, e, doutro, Vilanova de Arousa e Viveiro, que incrementan no exercicio o resultado negativo do exercicio anterior, mostran insolvencia e falta de liquidez.

No caso dos concellos con de 5.001 a 10.000 habitantes, os ingresos correntes son suficientes para atender aos gastos correntes e á amortización da débeda, aínda que seis presentan aforro neto negativo: Miño, Muros e Salvaterra de Miño, no exercicio, e Negreira, Ortigueira e Padrón, que, aínda que melloran os datos do exercicio anterior, non conseguen volver ao aforro neto en positivo.

Os demais concellos con aforro neto negativo no exercicio precedente conseguiron reverter a situación en 2016: A Cañiza, Burela, Cedeira, Guitiriz, Santa Comba e Valdoviño.

42 concellos presentan remanente de tesouraría positivo en 2016, manifestando solvencia e liquidez, ao contrario do que sucede nos seguintes nove: A Cañiza, Carral, Muros, Negreira, Ponteceso, Salceda de Caselas e Vedra reducen os problemas de liquidez xa existentes en 2015 "de modo insuficiente".

Padrón incrementa a falta de liquidez e a insolvencia existentes no exercicio anterior e xorde esta situación non existente no exercicio precedente no caso de Cerceda.

De menos de 5.000 habitantes, 188 concellos presentan aforro neto positivo, é dicir, os ingresos correntes son suficientes para atender os gastos correntes e a amortización da débeda, e 12 mostran aforro neto negativo.

Así, A Mezquita empeora a súa situación anterior, As Somozas e Val do Dubra melloran insuficientemente, reducindo o aforro neto negativo do 2015 do exercicio precedente e Carnota, Castrelo do Miño, Catoira, Cospeito, Nogueira de Ramuín, O Incio, O Pino, Santiso e Vilarmaior presentan en 2016 aforro neto negativo, cando era positiva a situación no exercicio precedente.

Mentres, 19 concellos con aforro neto negativo en 2015 conseguiron en 2016 reverter a situación a un aforro neto positivo: A Baña, Boimorto, Calvos de Randín, Cariño, Cerdedo, Frades, Mañón, Manzaneda, Maside, Moeche, Mondoñedo, Os Blancos, Piñor, Rois, San Cristovo de Cea, San Sadurniño, Sarreaus, Tordoia e Triacastela.

Con relación ao remanente de tesouraría axustado, 176 concellos presentan solvencia e liquidez por ter un remanente axustado positivo, mentres que 24 concellos se atopan en situación de insolvencia e falta de liquidez por ter un remanente negativo.

Respecto diso, reducen o remanente negativo de 2015 sen chegar a cifras positivas de tesouraría A Rúa, Gomesende, Lousame, Manzaneda, Melón, Mondariz, Porqueira, Portas, Quiroga e Toques; incrementan o remanente de tesouraría axustado negativo de 2015 Arbo, Castrelo de Miño,Cortegada, Cospeito, Laxe, Lobeira, Piñor, Pol, Rairiz de Veiga, Riós e Vilasantar e tres concellos ao final do exercicio 2016 presentan un remanente de tesouraría axustado negativo, cando no exercicio anterior a situación era positiva, A Mezquita, As Nogais e Catoira.

No citado exercicio, seis concellos conseguiron reverter a situación de falta de solvencia e liquidez existente no exercicio precedente: Avión, Larouco, Meira, Monfero, Os Blancos e Xunqueira de Ambía.

Os concellos que presentan aforro neto e remanente de tesouraría axustado positivo carecen de problemas financeiros. Os concellos que alcanzando aforro neto positivo presentan, con todo, remanente de tesouraría axustado negativo deben, segundo Contas, proceder con ese aforro ao pago das obrigacións pendentes de pago, "para non ver comprometida a súa viabilidade".

Ademais, os concellos con remanentes de tesouraría axustado negativo deben adoptar medidas para garantir a sustentabilidade dos seus gastos correntes sen necesidade de acudir a mecanismos excepcionais de financiamento.

RESTO DE ENTIDADES

Pola súa banda, as entidades locais menores presentan suficiencia de ingresos correntes cos que financiar os gastos, excepto Morgadáns, no que o aforro bruto é negativo. Respecto ao remanente de tesouraría axustado, todas as entidades mostran solvencia e liquidez.

No caso das mancomunidades, o aforro neto a 31 de decembro de 2016 é positivo en 20 delas, mentres que catro presentan aforro neto negativo: Concellos da Comarca de Ferrol, Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, Mariña Lucense e Terras de Pontevedra Dinamización Produto Turístico.

O remanente de tesouraría axustado a final do exercicio 2016 é positivo en 21 mancomunidades e resulta negativo nas seguintes mancomunidades: Serra do Barbanza; Concellos do Morrazo e Comarca de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta