Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2025 | Actualizada ás 14:22
O director xeral de Patrimonio Cultural, Anxo Miramontes, afirmou que a declaración da cheminea das Pontes como ben de interese cultural (BIC) "en ningún caso" será "problema" para a implantación dun novo proxecto nos terreos da central térmica. En concreto, na comisión de industria, informou, a preguntas do deputado do BNG José Manuel Golpe, que a Xunta iniciou "novamente" a incoación para declarar BIC a cheminea tras a petición de veciños, Concello e Deputación.
Golpe preguntoulle polas súas previsións, na actual "tesitura", que é "outra", ao que o director xeral respondeu que "alcanzará o recoñecemento se cumpre cos requisitos, o que inclúe unha serie de informes favorables de órganos consultivos". "Trátase dun procedemento que se está levando a cabo de forma consensuada", destacou, antes de resaltar "o valor engadido do apoio dos veciños", algo que ve "moi significativo e importante".
"En ningún caso a incoación como BIC da cheminea vai ser un problema para a implantación dun novo proxecto que se queira instalar neste espazo", dixo. "En ningún caso vai ser un problema para a implantación dun novo proxecto. Iso si, o Goberno galego aprobará calquera iniciativa sempre que xere riqueza, emprego, desenvolvemento, posta en valor do espazo, a condición de que cumpra coa lexislación vixente desde todos os puntos de vista", reiterou.
"Estamos a traballar nesta incoación e apoiarase a condición de que xere esa riqueza ao territorio", profundou, antes de que Golpe se referise a informacións sobre proxectos que pon sobre a mesa a necesidade de retirar a cheminea para o seu desenvolvemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.