"Entón o galego é só bo para ir polos pobos pedindo o voto cando chegan as eleccións?", dille Albares a Feijóo

O ministro acusa ao líder do PP de influír en socios europeos e "botar o resto" para torpedear o camiño de linguas cooficiais na UE.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 03/09/2025 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, acusou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de intermediar cos gobernos europeos do seu mesmo grupo político para "botar o resto" e boicotear a oficialidade das linguas oficiais en Bruxelas.

Nunha entrevista en 'Onda Cero', que recolleu Europa Press, o xefe da diplomacia española mostrouse convencido de que se non se chegou aínda a un acordo para que o catalán, o eúscaro e o galego sexan linguas oficiais na Unión Europea é porque "o PP está a facer todo o que está na súa man para boicotear as linguas oficiais españolas".

Aínda que se mostrou convencido de que a inclusión das tres linguas cooficiais no regulamento lingüístico da UE "é un camiño irreversible e conseguirase" finalmente, sinalou a Feijóo por influír "aos gobernos da súa familia política" para "boicotear ao 20% da poboación española, a 14 millóns de españois" que falan linguas oficiais distintas do español.

Preguntado sobre se con esa acusación está a recoñecer que o xefe da oposición ten unha elevada capacidade de influencia sobre gobernos da Unión Europea, maior mesmo que a do Goberno, Albares respondeu que Feijóo "ten influencia sobre partidos políticos da súa familia política e está a botar o resto para boicotear isto".

"Ten influencia sobre partidos políticos e, por suposto, está a botar o resto niso. E como lle digo, eu estou convencido de que tarde ou cedo isto se conseguirá, pero tamén sei que o Partido Popular e o señor Feijóo están a facer todo o posible por boicotealo", engadiu.

"O GALEGO NON É DIGNO?"

Ao fío, o ministro de Exteriores mostrouse sorprendido por como "alguén que foi presidente da Xunta de Galicia" pode estar a boicotear "a nosa identidade nacional", indo "en contra da nosa Constitución", e desprezando "a millóns de cidadáns españois que viven con normalidade con esas linguas", incluído o galego.

"Eu o que lle pregunto ao señor Núñez Feijóo é: El, que foi presidente da Xunta de Galicia, considera que o galego só é bo para ir polos pobos pedindo o voto cando chegan as eleccións? O galego non é digno, non é lexítimo de ser lingua oficial europea e de ser usado no Parlamento Europeo?", afirmou.

O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante un mitin electoral do PPdeG
O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante un mitin electoral do PPdeG | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta