Gonzalo Caballero criticou o "nulo compromiso" co medio ambiente de Feijóo

O lider do PSdeG declarouno durante a súa visita ao 'Rainbow Warrior' de Greenpeace.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2019 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

O secretario xeral de PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este domingo o buque "insignia" de Greenpeace 'Rainbow Warrior' na súa parada no porto da localidade pontevedresa de Vilagarcía, onde aproveitou para "reafirmar o compromiso" do partido co medioambiente e a loita contra o cambio climático.

Ao evento, Gonzalo Caballero asistiu acompañado polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, así como polos deputados socialistas Patricia Vilán e Xullo Torrado. Desde alí, en declaracións aos medios, criticou o "nulo compromiso" e o "desprezo" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalando o feito de que nin el nin ningún outro membro do Goberno galego asistise á cita.

"Temos que entender que hai que facer unha grande alianza de compromiso para paliar os efectos do cambio climático", reivindicou o líder dos socialistas galegos, segundo recolle o PSdeG nun comunicado, ao mesmo tempo que comprometía o traballo do seu partido a favor dunha estratexia de defensa do medio. En relación a isto, Caballero comentou o "compromiso moi importante" que ten o Goberno de Pedro Sánchez para seguir avanzando nesta liña.

Así mesmo, o líder socialista tamén reflexionou sobre a necesidade de construír "modelos inclusivos". "Temos que traballar o máximo posible para non seguir deteriorando o medio natural. Porque o reto medio ambiental implícanos a todos", aseverou.

PROXECTOS DE FUTURO

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía situou a loita contra o cambio climático como unha "cuestión de futuro" e pide así que se tomen medidas desde o campo da concienciación. "Todos, como individuos, podemos colaborar en facer un mundo máis sustentable, e as administracións públicas temos que ir da man da sociedade e dos grupos ecoloxistas para reverter esta situación", comentou.

Deste xeito, Caballero na súa intervención, apostou por un novo "mix enerxético" coas renovables como "protagonistas fundamentais", así como un "compromiso" cos traballadores para buscar novas actividades que permitan levar a cabo a transición ecolóxica con "sensibilidade social".

Gonzalo Caballero durante a súa visita ao barco de Greenpeace.. PSDEG
Gonzalo Caballero durante a súa visita ao barco de Greenpeace.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Porto de Vigo e ARVI sacan peito e chaman "gamberros" aos activistas de Greenpeace! Cando son eles os "piratas" que rouban e privatizan o que é de todos nós! https://twitter.com/PuertoDeVigo/st...

1 Gamela

Dá gloria ver o compromiso co medio ambiente do seu tío Abel na Gran Vía de Vigo! Amáis de arrasar coas árbores, o mantemento enerxético das rampas mecánicas tamén é un bo exemplo de como seguir tirando do recibo da luz... Energy encantada! https://twitter.com/GamelaNova/stat...