O alcalde de Santiago confía en ter antes de final de ano unha regulación para os pisos turísticos

Xosé Sánchez Bugallo apuntou que xa solicitou á Xunta que estableza "un control moi estreito sobre a concesión de licenzas de pisos turísticos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2019 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confía en que antes de final de ano estea lista a regulación para as vivendas turísticas na que traballan o departamento de Turismo e Urbanismo do goberno da capital galega.

A preguntas dos medios nunha rolda de prensa celebrada este luns despois da reunión da xunta de goberno local, o rexedor compostelán expresou a súa preocupación pola "proliferación indiscriminada e na maioría de casos ilegal" deste tipo de aloxamentos.

Días despois de que a Asociación de Hostalaría de Santiago alertase de que o nivel de ocupación no centro histórico durante as datas centrais das festas do Apóstolo estaba moi por baixo doutros anos, Bugallo manifestou que lle preocupan os efectos das vivendas turísticas sobre o negocio, pero ve "máis grave" que este fenómeno estea a provocar que estudantes e veciños da cidade "se teñan que ir" de Santiago pola alza dos prezos e a escaseza de oferta de pisos de aluguer.

O alcalde, que cifra nun milleiro o número de vivendas turísticas na capital galega, apuntou que xa solicitou á Xunta que estableza "un control moi estreito sobre a concesión de licenzas de pisos turísticos".

Neste sentido, afirma que non se opón á existencia deste tipo de aloxamentos, pero cre que deben ser compatibles coas vivendas residenciais, os pisos para estudantes e a oferta hoteleira da cidade.

Xosé Sánchez Bugallo en rolda de prensa
Xosé Sánchez Bugallo en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta