Galicia, unha potencia mundial en fútbol gaélico

"Temos unha xeración de xogadoras irrepetible", apuntaa Ángel Negrete, presidente da Federación Galega de Fútbol Gaélico. Destaca a experiencia do Mundial en Irlanda onde Galicia fixo historia; o cadro masculino chegou a oitavos e o feminino ven coa medalla de bronce. "Sérvenos para aprender, ver mundo e cotexar o nivel que temos no fútbol gaélico en Galicia respecto do resto do mundo".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Selección Galega de Fútbol Gaélico vén de volta para Galicia coa satisfacción de ter conseguido un resultado "histórico" no Mundial celebrado en Irlanda. Foron catro días moi intensos nos que o equipo masculino chegou a oitavos de final e o equipo feminino a semifinais, facéndose terceiras do mundo. O talento destes rapaces e rapazas galegas fíxose un oco importante no torneo de Irlanda, tanto que mesmo a embaixada irlandera parabenizou a selección cun "Maith thú" -Ben feito- que escribiu nas súas redes sociais.

Selección Galega feminina de fútbol gaélico
Selección Galega feminina de fútbol gaélico | Fonte: Selección Galega.

Dende a Federación Galega de Fútbol Gaélico valoran a experiencia de maneira moi positiva. "Sérvenos para aprender, ver mundo e cotexar o nivel que temos no fútbol gaélico en Galicia respecto do resto do mundo", conta Ángel Negrete, o presidente da Federación. O obxectivo polo que levaban traballando ben tempo era chegar a semifinais: "aquí tanto na competición masculina coma na feminina hai eses dous ou tres equipos que están nunha fase superior ao resto", conta; e dende Galicia "deuse a cara" e xogouse á altura das circunstancias. 

Ángel relata como se desenvolveu o partido no que a selección masculina caeu en oitavos de final fronte a Francia, unha das grandes favoritas. "Foi extremadamente competido, de principio a fin". Un disputado encontro no que forzaron a prórroga. "Foi mágoa que coincidira en oitavos de final... Era un partido á altura de cuartos de final ou semifinal", lamenta o presidente. De feito, deulles a sensación de que os equipos que competiron nas finais non eran mellores ca os que foran caendo polo camiño. O equipo feminino, pola súa banda, correu algo máis de sorte e regresan a Galicia cunha ben merecida medalla de bronce, que xa suman ao seu título como Campioas de Europa e Campioas do Torneo Internacional de Madrid.

ACOLLIDA EN IRLANDA

A Selección Galega viviu días intensos no pobo de Waterford, onde se desputaban os partidos, mais tamén atoparon tempo para visitar o lugar: "o domingo fixemos unha ruta polo pobo, tivemos a presentación oficial do torneo, houbo concertos...", refírese Ángel. O bo ambiente e a algarabía de xente con ganas de gozar de bos partidos acolleunos durante estas xornadas.

As seleccións galegas feminina e masculina de fútbol gaélico celebran o seu pase ás finais do primeiro Campionato Europeo deste deporte.
As seleccións galegas feminina e masculina de fútbol gaélico celebran o seu pase ás finais do primeiro Campionato Europeo deste deporte.

De feito, a Selección Galega mesmo fixo unha irmandade cun dos club do condado. Nese encontro foi cando se produciu o xa coñecido vídeo no que bailan muiñeiras xunto coas compañeiras e compañeiros irlandeses. "Foi moi simpático, a imaxe da semana", di Ángel. "Nós chegamos alí, fixemos uns cantos xogos de balón para romper o xeo, e logo organizamos unha pequena merenda", prosegue. "Ao final da tarde eles empezaron co tema de facer baile irlandés, nós entramos a participar como boamente puidemos, e xurdiu natural dicir: 'pois agora imos bailar unha muiñeira!'". E así, sen máis preámbulos, foi como galegas e irlandesas botaron uns puntos de baile que hoxe percorren todos os recunchos do país. 

RACHANDO ESTEREOTIPOS

A respecto do éxito acadado pola Selección Feminina, Ángel Negrete conta que queda camiño por andar para acadar a igualdade de xéneros: "aínda que temos unha porcentaxe elevada de equipos femininos, seguen sendo poucas mulleres as que entran no deporte". Ao seu parecer, resultados coma os acadados nestes días en Irlanda demostran que o nivel que se manexa en Galicia é "moi alto" e ademais, veñen reforzar o traballo que se está facendo dende a asociación de Fútbol Gaélico para apoiar o Fútbol Gaélico en xeral e o feminino en concreto. Con todo, Ángel tamén recorda que hai equipos para todo o mundo. "Fixámonos na xente que gaña, pero tamén debemos poñer o foco na xente que está detrás, hai oco para todas".  A conversa remata con orgulloso "temos unha xeración que case chamaría irrepetible!". Non cabe dúbida. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta