Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 12/09/2025 | Actualizada ás 15:42
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, revelou que o Executivo autonómico xa ten identificados 1.600 elementos a incluír no futuro catálogo de bens de valor cultural no litoral. Deles, asegurou que, ao redor de 870, son edificacións que poderán ter novos usos compatibles coa súa conservación. A análise para o deseño do futuro catálogo, segundo remarcou o xefe do Executivo galego, desenvolveuse en tan só dous meses desde a asunción das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral por parte da Xunta.
Acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o presidente do Goberno galego visitou a antiga factoría baleeira de Caneliñas, en Cee. Neste marco, puxo en valor a riqueza histórica, natural, cultural e produtiva do litoral de Galicia. Non en balde, destacou que se trata "da comunidade autónoma con máis quilómetros de costa", máis de 2.500 quilómetros, e que concentra máis do 50 % do emprego do sector nacional do mar e achega ao redor do 5 % do PIB galego, a través da cadea mar-industria.
A Xunta reivindica que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira comunidade en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo, tal e como lembrou o presidente, a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Segundo destacou, este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral, algo que "valía a pena xestionar".
DESDE FAROS A MUÍÑOS
En nesta conxuntura, Rueda indicou que o futuro catálogo, "moi heteroxéneo", será un dos primeiros froitos desta nova etapa. Tras revisar un inventario inicial de máis de 450 edificacións nos 86 concellos costeiros, completouse un estudo exhaustivo que elevou a cifra a máis de 1.600 elementos con valor cultural. Deles, ao redor de 870 son edificacións que poderán ter novos usos compatibles coa súa conservación, como faros, muíños, hórreos ou a propia fábrica baleeira de Cee. Rueda defendeu que o obxectivo é revitalizar estas construcións para que deixen de "deteriorarse" e de ser ruínas esquecidas, e se transformen, de novo, en espazos útiles, xeradores de actividade, emprego e orgullo colectivo.
O DECRETO DO CATÁLOGO: ANTES DE FIN DE ANO
Ademais, remarcou que o proxecto de decreto do catálogo está xa en tramitación, tras unha consulta pública realizada este verán. O próximo paso será sometelo a información pública en outubro coa previsión de aprobalo "antes de que finalice este ano". O presidente asegurou, ademais, que a Xunta xa está a traballar tamén na senda que conectará todo o litoral galego desde Ribadeo ata A Guarda.
AXUDAS POR CINCO MILLÓNS
Neste contexto, este venres ábrese o prazo para que os titulares --persoas físicas ou xurídicas-- de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros de Galicia poidan optar á liña de axudas destinada ao embelecemento do litoral galego. Esta convocatoria supón un investimento de 5 millóns de euros en distintas actuacións de mellora enerxética, dixitalización e mellora das fachadas dos edificios da liña de costa de Galicia. Ademais, activa o Plan do Litoral e ten como principal obxectivo potenciar o turismo de costa. En concreto, poderán optar hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, entre outras tipoloxías de aloxamento e tamén restaurantes, cafetarías e bares. O prazo finalizará o 12 de novembro e as actuacións e os gastos vinculados coa axuda concedida deberán estar realizados e pagos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.