A vicepresidenta do Goberno pide que as administracións "se dean a man" e "deixen as rifas" tras os lumes

Volve insistir na necesidade de políticas de prevención e formación para o persoal de extinción.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/09/2025 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reuniuse este venres no pobo de San Vicente de Leira con alcaldes e veciños da comarca de Valdeorras, afectada os incendios na provincia de Ourense, e pediu ás administracións que "se dean a man" e "deixen as rifas ao carón" para "porse a traballar". "A política útil é isto, o resto son outras cousas", recalcou en declaracións a medios.

A ministra destacou un encontro que "serve de exemplo" de "cooperación institucional", con representantes locais "de todas as cores" que "se dan a man" para "traballar" e "evitar o que se viviu este verán" no futuro. "Quero dar as grazas a todos os alcaldes de distintas formacións políticas que están aquí defendendo o ben común", engadiu. Yolanda Díaz incidiu na necesidade de "políticas múltiples" así como de "políticas de prevención" durante "os doce meses do ano", con brigadas que "reciban a formación axeitada", e recalcou a importancia de "coñecer" as "novas características dos lumes" e "acomodar" os montes á súa "virulencia".

A vicepresidenta segunda, acompañada do alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Barreiro (PSdeG), lembrou que "agora toca restaurar todo" como "xa se fixo nas Palmas" e "estase facendo" tras a DANA. Díaz apuntou, ademais, á poboación de San Vicente, aínda sen auga, para "actuar rápido" e aproveitou para recoñecer, en xeral, aos veciños, por ser "ás veces" os que "salvan as súas vidas e as súas casas", así como pola súa "cooperación" e "participación" no "deseño de moitas políticas públicas".

MÁIS APOIO AOS POBOS

Así mesmo, o alcalde, Enrique Barreiro agradeceu "inmensamente" á ministra que se desprazou ata o municipio, para poderlle "trasladar" a información ao Goberno tras unha situación que, lamentou, "poderíase evitar". Barreiro pediu, ademais, ás "administracións superiores" que "escoiten aos que están abaixo" e incidiu na necesidade de facer un "plan de prevención axeitado". "Só hai que sacar un pouco das cidades para que os pobos podamos vivir, e se vivimos podemos manter o rural e manter tamén ás cidades, que viven grazas ao rural", engadiu. Na súa visita á provincia de Ourense, Yolanda Díaz estivo tamén nos cooperativa Viños Barco no Barco de Valdeorras, e na cooperativa Amarelante en Manzaneda.

BOMBEIROS DENUNCIAN TAMÉN A FALTA DE MEDIOS

Aproveitando a visita da Ministra, Jacobo García, bombeiro no distrito forestal 18 en Vigo, denunciou, tamén, a "insuficiencia" de "postos de traballo" na extinción e reclamou a necesidade de "traballar todo o ano" ."O servizo de extinción e de prevención ten que mellorar moitísimo", lamentou. García recalcou, ademais, a necesidade de "mellorar salarios e condicións", "aumentar en miles de persoas" os medios de extinción "durante todo o ano" e actuar "agora" para evitar "erosión", "lavado de augas" e "contaminación", e creando un "modelo produtivo en Galicia máis sustentable". Jacobo García lembrou a manifestación prevista este domingo en Santiago, convocada pola Plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro', con máis de 60 colectivos implicados, para denunciar a "falta de políticas forestais".

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reúnese cos alcaldes e alcaldesas da comarca galega de Valdeorras (Ourense) afectados polos recentes incendios
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reúnese cos alcaldes e alcaldesas da comarca galega de Valdeorras (Ourense) afectados polos recentes incendios | Fonte: Rosa Veiga

O PP PIDE AO GOBERNO UNHA LIÑA DE AXUDAS TRAS OS LUMES

O portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, esixiu este venres ao Goberno que atenda as demandas feitas pola Xunta para abordar os danos causados polos incendios e habilite unha liña de axudas para os afectados, así como o envío a Galicia de persoal do Exercito e maquinaria para axudar na restauración das infraestruturas e evitar o arrastre que as choivas poidan ocasionar. Alberto Pazos referiuse á comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pleno desta semana, na que asegurou deu conta do que o Goberno galego "fixo, fai e fará" ante a vaga de incendios que Galicia sufriu este verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta