O BNG acusa á Xunta de querer meter aos menores migrantes en "ghetos" e o PSdeG achácalle "posturas xenófobas"

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciaba este xoves que a Xunta de Galicia xa busca localizacións para acoller aos menores migrantes que o Goberno vai trasladar a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2025 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A portavoz de infancia do BNG, Ariadna Fernández, criticou que a Xunta pretenda crear "ghetos" para os menores non acompañados tras coñecerse este xoves que o Goberno galego buscaba para eles novas localizacións para a súa acollida, "creando recursos e centros específicos para a súa atención". A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciaba este xoves que a Xunta de Galicia xa busca localizacións para acoller aos menores migrantes que o Goberno vai trasladar a Galicia.

Matizaba que o Executivo autonómico tivo que modificar o seu sistema de protección da infancia para crear recursos e centros específicos para a atención dos menores migrantes. Pola súa banda, a deputada nacionalista acusou ao PP de usar o sufrimento dos menores "como arma de confrontación política partidista". "É indecente e inhumano que a Xunta fale de 'ghetos' ou 'tragas' referíndose á chegada destes nenos", lamentou. Ademais, advertiu que é responsabilidade da Xunta ofrecer atención e coidado con todas as garantías a estes nenos e nenas "que veñen de situacións de miseria, escapando de conflitos bélicos, de situacións de abusos terribles e necesitan axuda".

"En lugar de actuar con responsabilidade e solidariedade, o Goberno galego continúa defendendo os seus intereses partidistas, baixo o ditame do seu líder Feijóo, sen importarlle o futuro dos nenos e adolescentes que nestes momentos necesitan axuda e que chegan escapando da miseria, os conflitos bélicos, os abusos e o deixamento", defendeu, acusando aos populares de querer sacar "rédito político". Así mesmo, recalcou que "saben desde hai meses da chegada destes menores" e, "no canto de achegar recursos de protección, a consellería non fixo máis que tirar balóns fóra". Ademais, lembrou que o sistema de acollida leva moito tempo sobresaturado e infradotado.

Varios menores migrantes, no tellado dunha nave industrial en Ceuta
Varios menores migrantes, no tellado dunha nave industrial en Ceuta | Fonte: Antonio Sempere - Arquivo

PSDEG

Pola súa banda, o PSdeG acusou á Xunta e ao PP galego de negar a acollida a menores migrantes por "posturas racistas" ou "xenófobas" e de conivencia cos partidos de extrema dereita. Silvia Longueira lembrou que o PP se retirou das mesas de diálogo sobre esta cuestión, non visitou centros de menores en Canarias e votou en contra da reforma do artigo 35 da Lei de Estranxeiría, que garantiría protección legal para estes nenos. A parlamentaria socialista sinalou que Galicia acollerá un máximo de 244 menores entre 2025 e 2026, por baixo dos 317 que indica a Xunta, e destacou que a capacidade ordinaria do sistema supera as 800 prazas.

Longueira subliñou que os argumentos económicos non se sosteñen, xa que o Estado garante financiamento suficiente, e denunciou que a estratexia do PP atrasou a chegada destes fondos, bloqueando recursos para os nenos que necesitan axuda. Longueira explicou que traballan coordinadamente co secretario de Estado de Infancia e Mocidade, Rubén Pérez, e que os menores contarán con escolarización, atención sanitaria e apoio psicolóxico. Subliñou que non son unha ameaza, senón nenos que merecen un futuro, e acusou ao PP de negarlles a súa humanidade pola súa alianza coa extrema dereita.

Pola súa banda, o PPdeG respondeu que as críticas socialistas "bordean o ridículo". Alberto Pazos insistiu en que o PP busca garantir a mellor atención aos menores, pedindo información e colaboración para que a repartición se realice de forma equilibrada e sen que ningunha comunidade quede á marxe por intereses políticos.

SUMAR

Movemento Sumar Galicia, pola súa banda, acusou á Xunta de "sementar racismo e aporofobia" coa decisión de crear recursos e centros específicos para a acollida de menores migrantes. Nun comunicado, rexeitan "rotundamente" a intención do Goberno galego, que consideran que "non só vulneraría dereitos fundamentais dos menores, senón que evidencia unha estratexia política irresposable ao sementar racismo e aporofobia para agochar anos de recortes e abandono dos servizos sociais".

O secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, acusou á Xunta de "disfrazar como solución o que consideran unha manobra segregadora e discriminatoria". "Ningún neno pode ser tratado como cidadán de segunda por razón de orixe, raza ou nacionalidade e os migrantes non necesitan compaixón; necesitan que se lles respecten os seus dereitos, exactamente igual que a calquera neno galego", denuncia. Ademais, acusa ao Executivo autonómico de levar máis de 15 anos "privatizando, recortando e degradando os servizos sociais" e de utilizar á infancia de migrantes como "chibo expiatorio e como arma política para confrontar co Estado", algo que consideran "vergoñento e desleal". "É de ser malas persoas, case unha traizón á decencia humana máis básica de quen máis necesita a protección da administración galega", apunta.

Así mesmo, censuran que a Xunta non respecta a normativa europea, a Constitución ou a lexislación estatal que "son claras nos seus obxectivos de políticas interculturais que favorezan a convivencia e aseguran a integración, igualdade e non discriminación". Consideran que a proposta da Xunta vai "xusto no sentido contrario" e que "abriría a porta a políticas racistas, á exclusión social e á aporofobia institucionalizada". Por iso, esixen a retirada "inmediata" dunha medida que tachan de "indecente", así como a creación de prazas públicas suficientes para garantir unha acollida digna e o cumprimento estrito das obrigacións legais en materia de protección de menores e políticas migratorias.

NOVOS EXPEDIENTES

Este xoves Fabiola García explicaba que xa recibiron tres novos expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno quere trasladar á comunidade. Sumados aos dous remitidos o xoves, xa son cinco os menores dos que a Xunta ten constancia. A esta cifra súmase o grupo de 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que tamén vai trasladar a Galicia. Para a conselleira, o Executivo central rompe así "definitivamente" o sistema de protección "integrador", "aceno de identidade de Galicia" e obriga á Xunta a saírse do modelo que leva anos impulsando e que definiu como "un dos máis inclusivos de España, no que todos os menores conviven nos recursos da Xunta sen facer distincións pola súa procedencia".

PPDEG

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, defendeu que os menores migrantes recibirán a atención axeitada, tanto a nivel sanitario, como educativo e social, "a pesar da falta de información e talante ditatorial do Goberno de Pedro Sánchez". Así, pediu ao BNG e ao PSdeG que "deixen de alarmar" coa atención aos menores. Explicou que, "ante a imprevista chegada" dos primeiros cinco menores dos 317 que o Goberno anunciou que enviará a Galicia, o Goberno galego "viuse na obrigación de buscar unha solución urxente para o seu acollemento pondo en marcha recursos específicos para a súa atención".

Insiste ademais en que a Xunta avisou, "por activa e por pasiva", que era imposible a integración deste importante número de menores no modelo de protección á infancia galego, "baseado na integración e a convivencia en pequenos fogares", o que obrigou a buscar solucións de urxencia que garanten, en todo momento, o seu benestar e integración social. "O talante autoritario do Goberno de Pedro Sánchez, a ausencia dunha política migratoria e o seu pacto cos independentistas cataláns, apoiado polo cinismo dun BNG que no Congreso votou a favor desta repartición de menores por toda España, excepto en Cataluña e o País Vasco, obrigou á Xunta a romper co sistema de protección existente en Galicia, caracterizado por ser un dos máis integradores e inclusivos de España", sinalou.

Ademais, criticou a "desvergoña" mostrada este venres polo PSdeG ao reducir a 244 os menores inmigrantes que o Goberno central enviará a Galicia, "unha cifra que descoñecemos de onde a sacan e que dubidamos sexa real, tendo en conta, ademais, os antecedentes que temos co envío de migrantes adultos á Comunidade o pasado ano: dos 470 migrantes que anunciara nun primeiro momento o Goberno central, a cifra real subiu ata superar os 2.000".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta