Por GC Emprende | Vigo | 05/08/2019 | Actualizada ás 13:18
As empresas do Clúster TIC e a Universidade de Vigo únense para facilitar o emprego e a formación dual en Galicia, a través do primeiro curso de Posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, trala firma dun acordo de colaboración que ten como obxectivo, abrir as portas do sector tecnolóxico a estudantes e profesionais alleos ao sector TIC, a través de formación práctica nas empresas, sen necesidade de coñecementos informáticos previos.
O curso, dirixido a graduados en titulacións de ámbito empresarial (ADE, Empresariais, Dereito, Comercio e Marketing, Turismo, Deseño...), carreiras técnicas (Informática, Telecomunicacións, Industriais, Matemáticas, Física...) e profesionais das TIC en activo interesados en explotar o potencial das empresas dixitais comezará o 30 de setembro e terá unha duración de nove meses.
Segundo apuntan os impulsores nun comunicado, capacitará tecnicamente aos alumnos en competencias, habilidades e ferramentas tecnolóxicas, así como no dominio de metodoloxías de liderado e de negocio, aplicables no desenvolvemento da actividade práctica empresarial.
"Ofrece unha formación multidisciplinar e saídas laborais en perfís técnicos (desenvolvemento de software, técnicos de soporte, control de calidade, etc.), consultoría (transformación dixital, análise funcional, industria 4.0, etc.), desenvolvemento de negocio (marketing e vendas para produtos tecnolóxicos…), xestión (xestión de equipos, Scrum master, responsable de produto…) e emprendemento (e-commerce, aplicacións empresariais, servicios de desenvolvemento TIC, etc)", destcan.
Con este posgrao, o Cluster TIC, Imatia e a Univeridade de Vigo din que "pretenden cubrir unha demanda real do mercado, adaptándose as novas necesidades e perfís solicitados polas empresas" contribuír "a impulsar un sector en auxe e cunha gran capacidade de empregabilidade -o 55% das empresas demandan este perfil e cada ano hai máis de 100.000 postos vacantes sen cubrir-".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.