Aprobado o primeiro PXOM de Fisterra para frear a súa "dispersión edificatoria" e "preservar o seu patrimonio"

A Xunta asina a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipalda localidade coruñesa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2019 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este luns a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da localidade coruñesa de Fisterra, que ten por obxectivo "frear a dispersión e preservar o seu patrimonio natural e cultural".

Ángeles Vázquez, xunto ao alcalde de Fisterra.
Ángeles Vázquez, xunto ao alcalde de Fisterra. | Fonte: Europa Press

Segundo a Xunta, tras case 19 anos de tramitación e traballo técnico, o primeiro plan xeral do concello trátase dun documento "complexo e adaptado" á normativa urbanística vixente en Galicia, que substituirá ás normas subsidiarias de formulación aprobadas en 1996 co fin de garantir un desenvolvemento "serio e ordenado" do municipio.

Tras a firma da novo PXOM, xunto ao alcalde, José Marcote, a responsable galega en materia de urbanismo subliñou a importancia do paso dado, xa que "dará un novo marco legal que marcará a evolución do municipio ata 2031", porque lle outorgará "seguridade xurídica" desde o punto de vista urbanístico, así como "coherencia coa realidade do seu territorio".

Tendo en conta que o 92% do termo municipal está catalogado como chan rústico, Vázquez citou entre os principais obxectivos do plan a conservación dos actuais núcleos rurais de poboación, respectando o crecemento que se foi producindo nas contornas das zonas tradicionais, e a preservación dos valores naturais, culturais e patrimoniais que distinguen a este concello.

"O novo documento aspira a ser unha ferramenta útil para frear a dispersión edificatoria e consolidar ás áreas xa construídas e os núcleos de poboación existentes. Desta forma, a PXOM pretende fomentar o desenvolvemento ao redor das áreas xa consolidadas, sempre cun criterio realista e acorde coas previsións de crecemento de Fisterra", indicou o Goberno autonómico.

O PXOM tamén "aposta pola rehabilitación e a recuperación de espazos urbanos relevantes", así como de elementos arquitectónicos singulares e das tramas tradicionais existentes no centro histórico. Vázquez tamén subliñou o investimento de máis de 110.000 euros que desenvolveu a Xunta para redactar o documento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta