Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 18:35
A Consellería do Medio Rural comprometeuse este martes a estudar "coa máxima atención" a proposta do Concello de Beariz para declarar o núcleo de Alvite, situado na parroquia de Santa María de Beariz, como "aldea modelo" para a prevención e defensa fronte os incendios forestais.
Así llo transmitiu o titular deste departamento, José González, ao alcalde do municipio, Manuel Prado, durante unha reunión de traballo na que tamén participaron os directores xerais de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan.
No encontro, o rexedor de Beariz mostrou un especial interese por integrar este núcleo nesta iniciativa que está a desenvolver a consellería e que ten como principal obxectivo defender ás persoas e aos bens da ameaza dos incendios forestais, mediante diversas actuacións dirixidas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa de 50 metros próxima ás vivendas.
Precisamente, o o conselleiro destacou o feito de que Beariz teña solicitada a súa adhesión ao convenio no que se enmarca esta actuación e que foi asinado pola consellería, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias, para a posta en marcha do sistema público de xestión da biomasa nas proximidades das vivendas, co fin de protexelas dos lumes.
A maiores, José González dixo que, con esta proposta de Beariz, xa son máis dunha ducia os concellos galegos interesados en incorporar algún dos seus núcleos o leste proxecto de "aldea modelo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.