A paixón de Conde Roa

Non me doen prendas en recoñecelo, Gerardo Conde Roa é unha persoa coa que empatizo e á que desexo o mellor na súa vida privada.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 13/04/2012

Comparte esta noticia
Nos tempos non que os podadores da casa fan leña da árbore caída, o aínda alcalde de Compostela tenta soportar presións polos lados máis insospeitados, e superar deslealdades nos peores momentos, tan propias historicamente do partido no que milita. Sempre tiven querenza polos “versos soltos”, e aínda máis polos “enfants terribles”. Conde Roa reponde perfectamente ao perfil de ambos, cunha traxectoria salpicada de situacións públicas kafkianas nas formas e rebeldes de espírito. O problema vén cando un é representante dos cidadáns, e a súa conduta no eido da actividade laboral privada, é presuntamente delituosa. Nese momento é cando ese cargo elixido democraticamente polos seus veciños, debe dar un paso atrás por hixiene democrática, e deixar as súas responsabilidades públicas para defender sen ataduras a súa causa privada coa xustiza.
 
Son dos que pensa que cando unha persoa é designada polo pobo para exercer un cargo público, e atópase cunha situación na que o poder xudicial o imputa, debe dimitir inmediatamente do seu cargo, se cremos firmemente na separación e independencia dos poderes executivo, lexislativo e xudicial do Estado. Probablemente esta dimisión poida ser considerada por unha parte da sociedade como o recoñecemento implícito dunha culpabilidade que pode non ser tal, mais no exercicio da responsabilidade pública, non poden existir lagoas que enlamen augas que deberan ser sempre cristalinas.
 
Gerardo Conde Roa debe ter claro pois, que a pesares dos ventos a modo de furacán que está a padecer estes duros días, ten ferramentas ao seu dispor para defender a súa afirmada inocencia nun Estado garantista, mais a súa actividade pública debe rematar de inmediato, para non prexudicar a todos os composteláns, e a propia imaxe xa moi deturpada da caste política. Que as filtracións contra el veñan presuntamente do seu propio partido, como afirmou recentemente un concelleiro compostelán, non deixa de ser a demostración palpable das dificultades para sobrevivir, cando un habita no manglar, rodeado de serpes de diferente nivel de mortalidade do seu veleno, por moi fillo político que sexa do sempre respectable José Manuel Romay Becaría, ideólogo carismático e gran referente, do actual Partido Popular galego.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA